A Cidade da Cultura incorpora os fondos da Fundación Risco á súa Biblioteca Dixital

Asinou un convenio para a dixitalización dos fondos que conserva esta fundación

O Conselleiro de Cultura asinou onte un convenio coa Fundación Vicente Risco para a dixitalización e etiquetado dos fondos máis valiosos vinculados ao autor que ten a fundación. Mercé ao convenio, a Consellería de Cultura financiará con 10.000 euros os proceso de dixitalización e etiquetado dos fondos, e poderá incorporar estes materiais dixitalizados á Biblioteca dixital de Galicia e facilitar o seu acceso aos investigadores e público.

[Reprodución da nota orixinal da Xunta de Galicia]

Fondos a dixitalizar
A Fundación Vicente Risco, en colaboración coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia dixitalizará as obras manuscritas da biblioteca de Vicente Martínez Risco como Bicéfalo de Promonta (manuscrito de 125 páxinas) ou La puerta de paja (manuscrito de 131 páxinas), ambas as dúas da autoría do escritor ourensán, así como A familia de Pascual Duarte (manuscrito da tradución feita por Vicente Risco de 180 páxinas) da obra de Camilo José Cela.

Asemade, segundo o texto do convenio, tamén se dixitalizarán fondos especiais da Fundación como os manuscritos impresos de Traballos sobre o celtismo. Neste grupo destacan Civilización europea, Magnae Syntesis liber vel opera Omnia, Notas e bibliografías ou Referencia Irlandesa, así como outras obras da carpeta sobre o celtismo como Irlanda por dentro y por fuera (tradución de Enrique Díaz-Canedo), El fanatismo sinfinista: a proposito del problema Irlandés ou unha separata de Americo Castro titulada Algo sobre el celtismo. A documentación sobre a obra Mitteleuropa recollida en libretas de notas, debuxos, apuntes e borradores do manuscrito tamén serán obxecto de dixitalización, así como a colección de traballos sobre etnografía e documentación diversa sobre O Carnaval, O Diablo e A Maxia. As coleccións de Vicente Risco de refráns, ditos e adiviñas, con 150 fichas manuscritas cada unha delas tamén serán dixitalizadas.