Ferrol dá o título de Fillo Predilecto do Concello ó fundador do PSOE

Pablo Iglesias, predilecto

O Concello de Ferrol outorgou onte o título de Fillo Predilecto da Cidade a Pablo Iglesias Posse, fundador do PSOE. Alfonso Guerra, presidente da fundación que leva o nome do ilustre ferrolán, recibiu onte o pergameo que recolle o nomeamento.

Destacado político




Ademais de Alfonso Guerra acudiron ó acto o alcalde de Ferrol, Xaime Bello onda outros membros da Corporación Municipal. O alcalde lembrou a infancia de Iglesias na cidade, que calificou como "sacada dunha novela de Dickens", e destacou o homenaxeado coma un "exemplo de coherencia, dignidade persoal e actitude ética". Pola súa banda, o presidente da fundación Pablo Iglesias destacou que a vida do novo Fillo Predilecto de Ferrol foi "un exemplo, e a súa obra unha lección".





Asistentes ó acto




Ademais de membros da Fundación e do Concello, onte asistiron á cerimonia o almirante da Zona Marítima, os alcaldes de Neda, Narón, Cabanas, Mugardos e Pontedeume e representantes de diversas entidades culturais. A idea de realizar esta homenaxe ó político socialista partiu da Asociación de Veciños de Recimil e da UXT da Comarca, entre outras asociacións sociais e culturais da cidade.





Un pouco de historia




Pablo Iglesias naceu no barrio de Esteiro, en Ferrol en 1850. A morte do seu pai leva a familia a emigrar a Madrid apenas dez anos despois, onde viven na miseria. No hospicio, Pablo aprende o oficio de tipógrafo, e cara a 1869 entra en contacto co nacente movemento obreiro español. En 1879 participa na fundación do PSOE, segundo partido obreiro creado no mundo ó que lle dedicaría a súa vida. En 1888 promove a creación da UXT. Durante a súa vida desenvolve un intenso labor xornalístico e político que o leva a ser, en 1910, o primeiro parlamentario socialista de España. Faleceu en decembro de 1927 en Madrid.