A filóloga Dolores Vilavedra, as escritoras Inmma López Silva e María Reimóndez e mais a poeta Yolanda Castaño foron as encargadas de presentar esta mañá en Compostela o Manifesto pola entrada das mulleres na Academia Galega. O texto está encabezado con citas dos discursos de ingreso das catro académicas actuais, Xohana Torres, Margarida Ledo, Rosario Álvarez e Luz Pozo. A seguir, manifesta a histórica discriminación que sufriron as mulleres nesta institución, e reclaman unha maior participación "aló onde a lingua se decide, aló onde se debate a súa supervivencia que é tamén nosa". A iniciativa recolleu xa 52 sinaturas de apoio de creadoras e investigadoras como An Alfaya, Carme Vidal, Helena Villar, Iolanda Zúñiga, María Xesús Nogueira, María Yáñez ou Uxía Senlle entre moitas outras. Os interesados en a iniciativa poden facelo a través do blog xogodascadeiras.blogaliza.org, onde xa se publicaron varios textos encol desta cuestión. Na rolda de presentación, as representantes da iniciativa sinalaron que non agardan contestación oficial da Academia, senón que as vindeiras vacantes na institución sexan cubertas por mulleres.
Manifesto pola entrada das mulleres na Academia Galega.