De medusas e de cyborgs

FestiALT celebra os dez anos cunha programación deseñada por directores de festivais alternativos europeos

Empezaron no ermo, cando en Vigo non había escolas de artes escénicas, nin escenarios consolidados e case nin compañías dedicadas á creación alternativa. Por iso, o FestiALT foi todo un acontecemento para poder ver o máis innovador e creativo. Dez anos de provocacións, sorpresas e apostas, a edición que comeza mañá reinvéntase a si mesma para ofrecer unha programación deseñada polos directores dos festivais máis alternativos de toda España.

“Para celebrar estes dez anos convidamos a dez directores de diferentes festivais que teñen en común co noso encontro a programación (teatro, danza e creación multidisciplinar non convencional) , para que deseñaran o cartel desta edición” explica Lola Correa, directora e álma máter deste evento que arrinca mañá en Vigo. Os directores de encontros como a Laboral, o Festival Citermor (Portugal), o Teatro a corte de Torino (Italia), o Festival Clásico de Olite ou o festival Veo de Valencia foron os elixidos para converterse, por unha vez, nos seus programadores. “Queríamos que fixeran un cartel que recollese o que eles consideran que é o FestiALT” asegura Lola, ao tempo que explica que os directores propuñan os espectáculos pero que é posible grazas aos esforzos de produción do equipo que compón o FestiALT.

Propostas arriscadas
Desde que naceu este encontro, hai xa dez anos, por Vigo paseouse o máis innovador e creativo das artes escénicas. E esa é a liña de traballo que tamén se plasma no programa desta edición. Un ano no que haberá unha Medusa Parlante, ou o que é o mesmo, unha estrutura rodasa pneumática que xera ondas sonoras que crean un sistema de son de canto amplificado e polifónico. É un proxecto conxunto do equipo de Architettura Sonora e Plastique Fantastique (Marco Canevacci, Markus Wüste, Marco Barotti, Stephanie Grönnert, Antonia Joseph, Pietro Balp). Canda estas, destaca outra proposta, “O son do laranxo”, unha premiada obra escénica que resulta da colaboración entre a coreógrafa catalana Moon Ribas e Neil Harbisson. “Trátase dun proxecto complexo pero moi interesante e que todo o mundo debe ver na explicación previa (no Marco, o venres 11, ás 20:00 horas)” asegura Lola Correa. En parte porque esta intervención conta a historia de Neil Harbisson, un mozo británico que ten unha rara enfermidade que só pode ver o mundo en branco e negro. Harbisson, primeiro home cyborg recoñecido por un goberno (a administración británica recoñeceulle a súa prótese como parte da súa anatomía) ten instalado un brazo mecánico que lle axuda a converter as cores que el non pode ver en sons. Segundo figura no dosier de presentación deste evento “esta peza investiga a relación entre a cor e a humanidade e descubre que se simplificásemos a humanidade nun píxel, este sería laranxa”. É unha das propostas máis innovadoras que ofrece a programación deste ano.

As claves do encontro
No fondo, os proxectos que pasan polo ALT son moi diferentes á concepción escénica tradicional. “O núcleo duro é unha filosofía inicial de abrir portas a novas linguaxes e que haxa unha coherencia co traballo e coas artes escénicas” apunta Lola Correa. Na súa opinión os proxectos que integran o ALT teñen que ter calidade, pero tamén facer reflexionar ao público. “Non como un público participativo que suba ao escenario, pero sí a nivel de feedback, que se enriquecen mutuamente sen esquecer que é lecer”. Dentro desta filosofía o ALT non deixa nunca de lado aos creadores galegos nin á perspectiva de xénero. Nesta ocasión, o programa xúntase para ofrecer o vindeiro xoves, baixo o nome de “Novas creadoras galegas” (en colaboración coa unidade de igualdade da Universidade de Vigo) unha programación que inclúe a NUT Teatro (coa teatro performance My own life) e a Nuria Sotelo (co proxecto de danza “métanse nos seus asuntos no Auditorio do Concello). “Sempre tivemos unha intención clara de apoiar o que se fai en Galicia, tanto a nivel de exhibición como a nivel de contratación, con propostas para encontrar a programadores e creadores” puntualiza a directora do encontro. Pero Lola tamén recoñece que estes dez anos lle serviron para ver que a situación actual está a asfixiar o bo momento que existía para a creación alternativa. “Hai algunhas compañías que están a punto de desaparecer, outras que están a acometer cambios para rebaixar os custes dos seus espectáculos e, ademais, a crise está a rebaixar as contratacións deste tipo de espectáculos”. Por iso, neste momento de aniversario, Lola Correa considera que non é o momento para facer cambios e estender a programación do ALT ao resto do ano. “Temos un orzamento moi axustado (arredor duns 80.000 euros) e, tendo en conta que é o máis baixo de todos cantos festivais se organizan á redonda, creo que xa facemos un esforzó moi grande xa só para saír adiante. Non podemos chegar a máis”. Polo pronto desde mañá e ata o vindeiro 20 de marzo, a programación alternativa ten unha cita en Vigo.
Dosier da X edición do FestiALT.
Ligazóns