Novacaixagalicia presenta a súa programación cultural unificada

A entidade anuncia que manterá os seus trece centros socioculturais

A nova caixa galega mantén para o primeiro semestre de 2011 unha intensa proposta cultural. O noso país acollerá preto de cen eventos de distinta natureza, entre os que destacan concertos como os de Mercedes Peón, Rosa Cedrón, Cristina Pato, Luar na Lubre, Rodrigo Leão ou Luís Eduardo Aute entre outros. A nivel de exposicións, para alén das que están actualmente en marcha, destaca a celebración da XI Bienal Internacional de Gravado. O Ballet de Víctor Ullate, A bela durminte da man do Ballet Nacional de Lituania, e producións teatrais como Salomé do CDG, ou O incerto señor don Hamlet de Sarabela, son outras das propostas que se poderán ver. Do mesmo xeito, os responsables das caixas anunciaron que polo momento prevén manter abertos os trece centros de carácter social e cultural que resultaron da integración de Caixanova e de Caixa Galicia. Ademais, están pendentes de inauguración un novo centro en Compostela e mais o Teatro Fraga de Vigo.