Previsións de ano novo

Adiantamos algúns dos acontecementos culturais que terán lugar en 2011

Será o ano de Álvaro Cunqueiro, de Lois Pereiro, da apertura da Cidade da Cultura, do 800 aniversario da consagración da Catedral … pero tamén se repetirán algúns dos formatos iniciados no ano Xacobeo que en breve deixamos atrás. Adiantamos algunhas das iniciativas que virán co ano novo.

O 11 de xaneiro de 2011 será unha data histórica para a cultura en Galicia. Despois de dez anos en obras, once do fallo dun concurso de ideas de carácter internacional, o público poderá visitar libremente (a día de hoxe pode facerse previa reserva no web da Fundación) os dous primeiros edificios da Cidade da Cultura. Será unha data agardarda para o maior complexo cultural na historia do país. A biblioteca e o arquivo (inicialmente hemeroteca e posteriormente considerados nacionais, etiqueta que perderon co último cambio de goberno) abren as súas portas. Un aparcamento en superficie que se ultima a marchas forzadas nestes días permitirá o acceso a todos o usuarios que queiran coñecer o edificio. E desta obra cumio para a cultura en Galicia pasamos a outra, porque no 2011 a Catedral de Santiago cumpre 800 anos da súa consagracíon. E para iso, o Consorcio de Santiago xunto con outras entidades pretende celebrar a efeméride con actividades en dúas liñas: por unha banda, atallar o estado de deterioramento e mellorar a do edifico (que se corresponden co aprobado e establecido no Plan Director da Catedral). A segunda liña de actuacións serán estritamente culturais, e suporá a celebración dunha exposición sobre a historia do monumento e outra sobre a evolución da cidade de Santiago.

O ano de….
O 2011 terá dous nomes propios que sobresairán sobre o resto. Dunha banda o de Lois Pereiro, quen será o novo homenaxeado polo día das letras galegas. A Real Academia Galega decidiu neste ano recuperar o legado de Lois Pereiro, que soubo conectar a poesía galega cos movementos da cultura europea dos 80 e a contracultura. Este creador xurdiu nun momento especial para a cultura galega, na primeira década da democracia, na que conviviu unha creación cultura de base tradicional coa emerxencia de novas tendencias na música alén do folk, na literatura urbana, na vangarda creativa e tamén a construción de novas formas de socialización. Numerosas editorias, xunto con produtoras audiovisuais e colectivos varios encherán as programacións culturais deste 2011. Da outra banda estará Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981), de quen se cumpre o centenario do seu nacemento. O Consello da Cultura Galega, prepara un programa inzado de actividades (lecturas dramatizadas, a montaxe de O incerto señor don Hamlet) entre as que destaca un congreso que se desenvolverá no mes de setembro. A Xunta de Galicia, as Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, a Real Academia Galega e os Concellos de Mondoñedo e Vigo traballarán coa institución para celebrar as actividades que sirvan para arroxar luz sobre a figura deste escritor, fabulador e xornalista.

Outras actividades
Logo da experiencia deste ano Xacobeo, o festival Sónar desdobrarase de novo en dúas sedes en 2011. A Coruña repite, canda a Barcelona, como local deste recoñecido evento de música electrónica. Será nos días 17 e 18 de xuño do vindeiro ano cando o recinto de EXPOCoruña acolla preto de trinta actuacións, que a organización aínda non desvendou. Polo de agora, só se confirma a presenza, tanto en Barcelona como na Cidade Herculina, do trío Magnetic Man. Outro que repite será o Cultur.gal. Cos bos resultados colleitados en edicións anteriores e cunha acabada de estrear Fundación que o promove (para desvencellado dos avatares políticos) haberá que agardar despexar numerosas incógnitas, como saber cal é o modelo polo que optan (itinerancia ou buscar unha sede fixa para a iniciativa).

Agora ben, malia que o Arcebispado decidiu non prolongar a celebración do ano Xacobeo no 2011, a Xunta está disposta a continualo no apartado laico. Os bos resultados do turismo fixeron (superáronse as cifras previstas de 8 millóns de visitantes) que o goberno destinara unha partida de 15 millóns de euros (o actual Xacobeo conta cun orzamento de 41 millóns) para dar continuidade á programación cultural e a liñas de acción turística, que haberá que ver como se resolven.

No 2011 tamén se abrirá ao público o noo museo Luis Iglesias (co obxectivo de familiarizarse coa ciencia e a tecnoloxía, descubrir a traxectoria dos científicos galegos máis destacados dos séculos XIX e XX e contemplar unha das maiores coleccións privadas de Europa, formada por máis de 25.000 lotes e 250.000 exemplares de moluscos). Haberá unha nova edición da feira de arte contemporánea de Vigo. Un encontro que comezou chamándose Puro Arte; despois anunciou a creación dunha colección propia (que albergará o MARCO), mudou de nome e de filosofía reconverténdose en Espazo Atlántico; e contou con David Barro como director artístico. Pero ao final desta edición Barro anunciu a súa dimisión malia que seguirá vencellado ao proxecto. Na vindeira edición (do 7 ao 10 de abril) a feira de arte contemporánea de Vigo contará cun comité asesor que se encargará, entre outros cometidos, da selección de galerías. O comité está integrado pola nova directora artística, Pilar Ribal, David Barro e unha serie de galeristas de Galicia e Portugal, entre os que destacan Inés Ramiro de Adhoc e Asunta Rodríguez da Galería Trinta.

Para o vindeiro ano tamén está previsto a celebración do Are more, o encontro que non se celebrou en 2010 pero que a concellaría de Cultura de Vigo asegurou que tería lugar en 2011.