Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, compareceu esta mañá no Parlamento para explicar na cámara os orzamentos desta institución de cara ao 2011. Segundo Villares, o Consello procurará manter a "velocidade de cruceiro e o desenvolvemento das actividades que vimos facendo, a pesar do recorte orzamentario". En total, este ano serán 2,7 millóns de euros que se investirán, entre outros proxectos, na conmemoración do centenario de Álvaro Cunqueiro ou traballos de proxección exterior da cultura galega a través da cooperación cos Institutos Camões e Cervantes. Canda a estas grandes liñas, a institución desenvolverá a catalogación e dixitalización dos fondos de Radio Nacional de España en Galicia e realizará un informe sobre as fundacións culturais galegas, ademais de continuar cos labores de asesoramento que lle corresponden.