O Consello da Cultura enfronta 2010 cun recorte orzamentario do 6,29 por cento

Un encontro sobre Seoane e xornadas de análise son os principais proxectos da institución

4/11/2009 | Santiago. Redacción | Seccións: Cultura
Compartir:

Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura (CCG), compareceu esta mañá ante Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia. No encontro, Villares explicou os proxectos da institución que preside de cara ao vindeiro ano, no que o Consello verá recortados os seus orzamentos nun 6,29%. Malia a sinalar que unha política de austeridade marcará todas as accións programadas, Villares incidiu en que o organismo continuará o seu traballo a prol da cultura do país. Entre as propostas que adiantou, o presidente do Consello destacou o grande encontro que vai celebrar arredor da figura de Seoane co título Galicia-Arxentina: unha doble cidadanía e que se prolongará ao longo do ano en diferentes localidades do país. Canda a isto, o CCG prepara xornadas coma o encontro Os sentidos das cultura, ou Lingua, política e sociedade en Galicia.

Tamén se prevén actividades de promoción da nosa cultura no exterior, con colaboración coa London School of Economics a través do Cañada Blanch Centre, e con outras accións en Brasil e Estados Unidos. En total o Consello contará para o vindeiro exercizo con 2.951.000 euros, 200.000 menos que no anterior ano.

Que che parece esta nova?
44 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ramón Villares, Economía, Parlamento de Galicia, Arxentina...