O novo dicionario da Academia duplicará o seu número de entradas

A entidade inaugurou onte a nova cuberta da súa sede na Coruña

Sete anos de traballo baixo a dirección de Manuel González están a piques de rematar. A Real Academia Galega agarda ter nas librarías para o vindeiro ano a nova versión do seu dicionario. A obra contará con 50.000 entradas, máis do duplo do que na anterior edición, e incluirá datos como a procedencia das palabras e o xeito en que se deben pronunciar. A obra pretende fixar de xeito normativo o significado dos vocablos e constituírse no dicionario de referencia para a nosa lingua. Xusto onte, o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández visitaba a sede da institución para coñecer as reformas que o seu departamento financiou no edificio. As melloras no teito e o acondicionamento do soto eliminaron os problemas de humidades e pingueiras que amezaban os fondos bibliográficos que custodia a institución.