A USC estudia aumentar as posibilidades de almacenamento da información a través da nanotecnoloxía

Paixón polo nano

Xa chegou o mandato do pequeno, do anano, do nano (a milmillonésima parte do metro) a revolución das miniaturas en todos os ámbitos da vida. Nanochips que circulan polas veas, nanordenanores macropotentes do tamaño dun puño, nanosatélites dez veces máis lixeiros que se lanzan ó espacio... tantos e tantos inventos como a imaxinación científica sexa capaz de pensar. De momento son proxectos, en breve, realidades, e de todos eles se fala no Congreso "Tendencias en nanotecnoloxía" que se celebra en Santiago.

Afirma Margarita Salas que "o goberno se esqueceu da ciencia". E o que Salas di, en materia científica, case vai á misa. Se o aplicamos ó caso da nanotecnoloxía, a ciencia do pequeno, esta afirmación vai tamén á laboratorios, facultades e mesmo ás cociñas dos fogares de todos nós. A nanociencia rodéanos por todas partes: desde os móbiles ata os coches, desde os quirófanos ata o medio ambiente, a nanotecnoloxía é un dos fitos da revolución científica actual. Esta invasión do pequeno non se corresponde co que o goberno está a investir nela. De feito, Pedro Serena, físico do CSIC e coordinador da rede Nanociencia, afirma que "se queremos xogar en primeira división, España tería que duplicar o persoal e o equipamento que agora mesmo ten, porque de seguir así seriamos un país de segunda". A día de hoxe, EEUU inviste en nanotecnoloxía da orde de 700 millóns de dólares por ano, un orzamento bestial se o comparamos cos 63 millóns de euros en Alemania, ou os 38 millóns de euros do Reino Unido, e case titánico cos ridículos 339.000 euros que se investiron en España o ano pasado.



En España non existe nin un plan nacional, e moito menos se falamos por comunidades autónomas, onde os gobernos teñen moito que avanzar neste campo. E iso é materia que lle compete ó acabado de crear ministerio de Ciencia e Tecnoloxía que, segundo Serena, “é unha boa idea, pero que de momento non coordinou todos os ámbitos de actuación, xa que o que fixo foi redistribuír a parte que antes lles competía ós Ministerios de Educación e Ciencia, por un lado, e ó de Industria pola outra”. Co congreso que estes días se celebra en Santiago (que chega á súa terceira edición) , pretendíase, en palabras de Pedro, “abrirlle ós ollos ó goberno da importancia que tiña investir en nanotecnoloxía”.



E a revolución do anano non é un gusto polo pequeno, pola miniaturización en si. E é que para os científicos o nano é máis eficiente. Precisa pouco material de construcción, menos enerxía que pode trasladar a información con maior rapidez, optimizando as súas vantaxas. Motivos máis que suficientes para que esta ciencia se converta nunha das principais revolucións do século XXI e un dos campos nos que hai moitas posturas que achegar e dialogar.



A nanotecnoloxía en si, é unha ciencia transversal que afecta a moitas disciplinas desde a medicina (con biochips que circulen polas veas e que poidan diagnosticar doenzas), ata a política (microsensores que nunha guerra bioloxica detecten un ataque rapidamente e dean a alarma), pasando polo medioambiente ou navegación espacial. Por iso, congresos como este teñen que implicar a todo o mundo. E así se entende o variopinto e diverso do cartel da organización deste ano que leva por título “Novas tendencias en nanotecnoloxía”. Unha serie de trends, de conferencias, para servir de mesas de diálogo e de estado da cuestión do que se está a desenvolver no mundo do pequeño e que cada quen fale da parte que lle corresponde. E entre a equipa deste ano un plantel de luxo: un premio nóbel de física, Leo Esaki, e varios posibles candidatos a selo en breve; profesores, persoas, e bolseiros (unha das principais diferencias deste Congreso con outros do mesmo estilo, xa que lle permiten a xente nova tutearse con autoridades na materia).



En España movémonos nun estado centralizado, e isto da ciencia non ía ser unha excepción. Madrid e Barcelona seguen a ser os puntos clave, por iso ten máis mérito que desde a organización se pensasen en lugares alternativos para falar desta revolución científica. Nos primeiros anos elexíuse Toledo e Segovia, pequenas cidades que ademais de ter un entorno cultural interesante (por isto de que os científicos non poden estar de costas á súa realidade), estivesen ben comunicados (algo que hai unha década sería impensable). E este ano, segundo o organizador “elexir Santiago foi porque é unha cidade que cumpre eses mesmos requisitos, é pequena, é estudiantil e ten unha universidade poderosa dentro de España e na que hai xente traballando en nanotecnoloxía”.




Aquí en Santiago


E nanociencia tamén se desenvolve en Santiago, onde un equipo coordinada polo catedrático de física José Rivas se centra no estudio do magnetismo e investigación de materiais magnéticos. Este grupo facía partículas nanométricas (de perouskitas de manganesio e nitroglicerina principalmente) nas que aparecían efectos e propiedades interesantes ó reducir o seu tamaño e que os científicos teñen que aproveitar mediante deseños de circuítos. Un traballo que pode ter, como unha das súas aplicacións, crear sensores, partículas magnéticas pequenas que se empregan para a detención de doenzas. Por poñer un exemplo, cando unha persoa fai unha resonancia magnética nuclear, toma unha serie de líquidos previamente que conteñen partículas magnéticas que se poden utilizar sintetizando medios químicos ou físicos que se toman como marcadores.



Pero non é a única aplicación que se desenvolve desde a Facultade de Física, de feito este departamento xa patentou diversos sistemas nanotecnolóxicos, como o aproveitamento e a manipulación de nanoimáns para potenciar a súa capacidade en sorportes. Un feito que introduce a posibilidade do almacenamento da información nunha escala máis pequena da que se ten agora e que solucionaría os problemas de espacio (algo así como ter nun CD 1.000 horas de música en lugar dos 74 minutos actuais). Son aplicacións nanotecnolóxicas que en breve empregaremos e para os que son precisos Congresos coma estes que permitan crear novas barreiras para a ciencia.