Bernal, Casas e Rubín, entre outros, mostran os seus últimos traballos

Os autores galegos de BD adiantan as novidades

Víctor Rivas vén de deseñar unha alfombra para a venda nunha grande área comercial e axeitouna como se fose unha páxina de BD. Martín Romero e Lola Lorente suben aos seus cadernos en Internet mostras das obras que están a desenvolver. Mariano Casas traballa en dous novos cómics, "A historia xamais contada, xamais contada" e "Juego de niños". E a todo este rebulir vénse xuntar hoxe David Rubín, compartindo nunha ollada previa catro páxinas do seu álbum para o ano que vén, a revisión do mito de Heracles titulada "El Héroe". Nun eido distinto, non épico senón humorístico, Bernal está a publicar a serie "Minicríticas insustanciales de eventos sociales" na sección galaico-leonesa da revista musical Mondosonoro. E finalmente, aínda que non é unha banda deseñada en sentido estrito, Alberto Guitián deseñou o Camiño de Santiago en arte secuencial, pois ilustrou un xogo da oca que axiña se porá á venda.