O máis antigo programa radiofónico en galego cumpre 52 anos en antena

A veteranía do galego nas ondas

”Sempre en Galicia”, o programa radiofónico en galego máis antigo cumpre hoxe nada menos que cincuenta e dous anos en antena. Pero non paga a pena buscalo nos diais das nosas radios, este programa vense facendo desde 1950 en Montevideo, capital do Uruguai por membros da colonia galega nesta cidade

Cara as ondas


Todo comezou en 1950, ó pouco da morte de Castelao, por iniciativa de oito amigos do líder galeguista sen coñecementos previos de radio nin de xornalismo. O nome foi cousa de Alfredo Somoza, curmán de Castelao, e a intención era realizar unha homenaxe duradeira á figura do debuxante e pensador. O propio Somoza, onda o químico Pedro Couceiro, o Doutor Luís Tobío, Manuel Leiras, Emilio Pita, Antón Crestar, Manuel Meilán e Xesús Canabal prepararon o proxecto durante meses e repartiron entre eles todas as tarefas do programa, desde locutar, seleccionar a música ou redactar ata facer de mensaxeiros. E a forza de voluntarismo acadaron poñer en antena o tres de setembro de 1950 “Sempre en Galicia”, o primeiro programa radiofónico feito exclusivamente en galego.



Dignidade e didactismo


”Sempre en Galicia” definíase coma un programa galeguista, republicano e cultural. Desde o principio os promotores tiñan claro o afán didáctico do espacio, que quería axudar a dignificar a identidade galega nun intre e nun lugar nos que ser galego era para moitos algo vergoñento e un sinónimo de ignorancia. Así, cada programa comezaba cun editorial no que se reflexionaba sobre os problemas de Galicia e da colectividade emigrada en Sudamérica. A continuación programábase música da terra, falábase sobre a historia do noso país e líanse e explicábanse textos literarios no noso idioma. Coa intención de chegar á maior cantidade de público posible, os promotores do programa acadaron un espacio na emisora Radio Carve, daquela unha das máis potentes do Uruguai, que chegaba mesmo a Arxentina e ó sur do Brasil.E nesa emisora continúa aínda hoxe, co mesmo formato de programa de media hora semanal.




O correr dos anos


Logo da morte de Alfredo Somoza, a penas once meses despois do comezo do programa, foi Manuel Meilán o que tomou o relevo como principal responsable do mesmo, levando o peso do programa ata a súa morte en 1994. Nos seus cincuenta e dous anos, “Sempre en Galicia” pasou por todo tipo de circunstancias. O éxito dos anos cincuenta, cando o programa acadou mesmo o apoio de patrocinadores uruguaios que eran anunciados (como non) en galego, deu paso a épocas máis difíciles. Por exemplo nos sesenta desenvolveuse desde “Sempre en Galicia” unha intensa campaña antifranquista que provocou a retirada dos anunciantes e fixo que os promotores tivesen que costear eles mesmos durante unha boa tempada o alugueiro que cobraba Radio Carve. Tamén a dictadura uruguaia exerceu presións sobre o espacio radiofónico, e a morte de Manuel Meilán puxo en serio perigo a continuidade do mesmo. Foi entón, en 1994, cando o programa pasou a depender o Patronato da Cultura Galega e puido beneficiarse dunha pequena parte das axudas da Xunta a esta institución, complementadas con mínimos apoios de anunciantes e dos fondos do propio Patronato. Pero non todo foron problemas. Durante todos estes anos o programa acadou facerse un referente imprescindible para grande parte da colectividade galega no Río da Prata, sendo aínda hoxe moitos os que se erguen os domingos para escoitalo e os que son quen de repetir o saúdo do comezo, unha vella gravación na que Manuel Meilán, sobre o fondo da Muiñeira de Chantada, di “Bos días galegos, aquí Sempre en Galicia”. Ademais, o espacio recibiu colaboracións de persoeiros tan destacados coma Otero Pedrayo, García Sabell, Sixto Seco, Filgueira Valverde, Ramón Piñeiro, Carvalho Calero, Blanco-Amor ou Celso Emilio Ferreiro entre moitos outros. Como curiosidade sinalar que foron moitos os uruguaios e arxentinos sen vencellos con Galicia que se interesaron polo programa e que escriben aínda ó mesmo pedindo información sobre o noso país e a nosa cultura.




De hoxe en adiante


Na actualidade, e desde a morte de Meilán, é o xornalista Toni de Searez quen dirixe o programa e redacta o editorial, contando coa colaboración de Luz Corbillón para a selección musical e de Marisa Barrio para as seccións de poesía e de literatura. Cada venres ás oito da mañá achéganse ó estudio para gravar a media hora de programa que se emitirá o domingo entre as nove e as nove e media da mañá, e logo diríxense ós seus respectivos traballos. Todos eles, que roldan os sesenta anos, realizan o seu colaboran no programa de xeito totalmente desinteresado. O futuro de “Sempre en Galicia” non é optimista, xa que ós perentorios problemas económicos que viña arrastrando o espacio súmase a problemática situación do país na actualidade. Por outra banda a falta dun relevo xeracional da audiencia, en grande parte maior de sesenta anos, fai difícil tanto innovar os contidos ou o formato do programa coma acadar anunciantes.
Con motivo do cincuenta aniversario do programa, en 2000, a Radio Galega emitiu un programa especial que incluía unha conexión en directo con Radio Carve. Foi no ano seguinte, no 2001, cando emisora e espacio recibían o Premio Galicia de Comunicación polo seu traballo continuado a prol da cultura galega.



A redescuberta

A historia de todos estes anos de radio está contado no libro “Bos días galegos. Aquí Sempre en Galiza” da xornalista galega Mónica Rebolo e que vén de ser editado no mes de xullo por Laiovento. Trescentas páxinas nas que se recollen os testemuños dos oíntes e colaboradores do programa, ademais de transcricións dalgunhas das gravacións conservadas e varios documentos vencellados co espacio radiofónico. O froito de tres anos de investigación realizada por libre e que foi presentado coma tese de grao acadando unha cualificación de sobresaliente. Mónica pensa agora continuar as súas investigación, xa dentro do programa de doutoramento da Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela, indagando nun campo tan pouco coñecido coma a radiodifusión na Galicia exterior.



------------------------------------

Para contactar coa investigadora:

monicarebolo@hotmail.com

Mónica cedeu os documentos sonoros que acompañan este tema.




Na imaxe, un debuxo de Siro no que se pode ver a Manuel Meilán falando no programa. Tirado da web do programa no Patronato da Cultura Galega.