O espello celta na arte

A pegada celta deixou unha fonda pegada na arte galega de comezos do século XX

Na actualidade estamos xa completamente afeitos ás representacións dos nosos antepasados do tempo castrexo co feitío de celtas. No entanto, esta identificación icónica comezou hai apenas un século, co traballo dunha serie de artistas que apostaron por recoller nas súas pezas este tipo de estética. Juan M. Monterroso, profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago, fálanos dun movemento que marcou a nosa percepción do pasado.

A finais do século XIX e comezos do XX foron moitos os artistas de toda Europa que apostaron por reivindicar a identidade dos seus pobos mediante unha reinterpretación idealizante do seu pasado. Galicia non foi allea a este movemento, desde aquela ata os nosos días non faltan propostas creativas nas que se atopan as pegadas dunha visión sobre os nosos antepasados. Segunda explica Monterroso, “esta corrente é unha constante histórica nesta época, e resulta moi importante por dúas razóns. Por unha banda, cando nace pon os nosos artistas no ámbito da vangarda do momento a nivel cultural en Europa. Pódese inserir no marco de movementos semellantes en Irlanda, Bretaña ou Centroeuropa”, lembra. “Por outra banda, a un nivel máis interno, supón por vez primeira que moitos artistas galegos que estaban a traballar desenvolvan todo o seu potencial dentro dunha ideoloxía concreta”, neste caso o nacionalismo.

Elementos celtas
Ao falarmos de artistas que empregan unha inspiración “celta” nos seus traballos, este investigador da Historia da Arte explica que esta pegada aparece de tres xeito. “Por unha banda está a representación do feito racial. Retrátase xente de pel clara, rubicunda, con ollos claros e cabelo trigueño. Logo represéntase tamén o carácter da poboación, entendido como tal unha concepción melancólica da existencia que se estende á paisaxe. Finalmente, empréganse, a nivel iconográfico e formal mostivos castrexos. Así atópanse nas obras estruturas dos dólmens ou dos castros e o seu vencello coa propia natureza, coa presenza de árbores icónicas como o carballo ou o piñeiro. Exemplos da presenza reiterada destas árbores atopámolas en Castelao ou en Díaz Baliño”. Na orixe desta tendencia resulta clave a influencia intelectual de Vicente Risco e a súa reivindicación das raíces celtas do país. Segundo este investigador, o movemento “supón unha mudanza moi substancial nas señas de identidade galega”.

Os autores
Monterroso non dubida en sinalar a Castelao como un dos grandes representantes desta corrente, á que, do mesmo xeito, se pode adscribir o traballo de Camilo Díaz Baliño. “Tamén aparece no traballo de Asorey, considerado Escultor da Raza ou Álvarez de Soutomaior, Pintor da Raza. Os catro amosan a chave desta tendencia. Logo hai outros aínda como Uxío Souto que busca na escultura este tipo de temas”. A presenza desta estética muda en cada un dos creadores. “Uxío Souto, por exemplo, recuera a figura do druída case como arquetipo. Asorey e Soutomaior representan sobre todo o tipo racial, os retratos que fan de personaxes galegos teñen as señas de identidade do que sería a raza celta. Camilo Díaz achégase máis á vertente literaria da tradición, con elementos como o dólmen ou o ciclo artúrico e o Santo Grial”, explica.

Evolución
E é que, para alén dos comezos de século, a temática celta está presente na arte galega ata os nosos días, aínda que, segundo recoñece este investigador “hai pezas claves que se moven antes de 1936. A Guerra Civil non cercena o proceso pero ralentízao. A partir de entón vense interpretacións persoais de diferentes artistas”. Obviamente, co tempo as lecturas desta temática van mudando. “Non se repiten os elementos, fanse doutro xeito. As señas que identificou este movemento continúan a ser as mesmas, e os artitas que buscan nese sentido continúan a atopalas. Xente que como Manolo Paz ou Pazos continúan a traballar o granito do mesmo xeito que artistas desta corrente, e pódese atopar o gusto de Asorey pola madeira á vista en artistas como Leiro”, explica, “son vocabularios diferentes pero mantense unha esencia”.

Difusión
Quizais esta presenza continua contribuíse a fixar na nosa sociedade a representación celtista dos nosos antepasados. “Dun xeito moi fondo, moita desa iconografía dos anos 20 e 30 está aínda viva no noso imaxinario e fai xa parte da nosa identidade. Os seus elementos recoñécense xa de xeito inconsciente”, apunta Monterroso. Ainda que a presenza deste tipo de elementos en medios populares como revistas ou carteis contribuíron enormemente a que se popularizase esta representación do noso pasado, a arte de tipo celta estivo presente a todos os niveis da creación plástica. “Pódese atopar na arte máis culta e tamén nas vertentes máis divulgativas, e un bo exemplo diso é Díaz Baliño, que é o grande ilustrador do comezo do século XX. Castelao coincide tamén niso, pero Soutomaior e Asorey traballan noutro ámbito”, lembra este historiador da arte.

Dun xeito ou doutro, o que está claro é que o imaxinario celta-castrexo está xa fondamente inserido na nosa cultura, e que non deixaremos de ver novas representacións do mesmo en pinturas, escultura, filmes ou bandas deseñadas.

Galería: Celtismo na arte galega

Galería: Celtismo na arte galega

Regreso dos fillos de Brigantia. Camilo Díaz Baliño. Fonte: Juan M. Monterroso

Escultura de Francisco Asorey

Escultura de Francisco Asorey

Fonte: Juan M. Monterroso

<i>Galicia</i>. Arturo Souto

Galicia. Arturo Souto

Fonte: Juan M. Monterroso

<i>Guerreiro celta</i>. Uxío Souto.

Guerreiro celta. Uxío Souto.

Fonte: Juan M. Monterroso