A hora das plataformas

Preséntase Meubook, unha plataforma en rede para o libro galego, mentres os editores ultiman o seu propio proxecto

O mundo do libro en Galicia está a sofrer grandes mudanzas. Hoxe presentouse en Compostela Meubook, unha plataforma de contidos dixitais que quere mudar o xeito de comercialización e de traballo no sector. Pola súa banda, a Asociación de Editores está a traballar no seu propio proxecto, no que o ensino ocupa un papel fundamental. Detrás de ambos proxectos, a necesidade de redifenir o traballo da edición e o propio concepto de libro coa chegada da edición electrónica.

Meubook “é unha plataforma de contidos dixitais, e hoxe eses contidos poden ser case de todo”, explica Fernando Jiménez, director xeral do proxecto que se presentaba esta mañá. “temos unha vocación ampla nese sentido, pero nacemos arredor do mundo do libro e da formación”, explica. Detrás da iniciativa, segundo el, “hai varias empresas que son referente en todas as partes da cadea de valor do mundo do libro. Hai creadores, editores, distribuidores, empresas de impresión e comunicación e mesmo libreiros”. O Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, Espiral Maior, Alvarellos, Tórculo, Academia Postal ou Couceiro son algúns dos nomes que están vencellados ao proxecto. Malia a que a presentación se realizou hoxe, a plataforma anuncia que comezará a operar o vindeiro 1 de xullo.

Tenda
De cara ao público, Meubook achega unha plataforma de comercio vía web na que se ofertan tanto libros electrónicos como de formato tradicional. No entanto, a proposta vai moi para alén da comercialización. “Ofertamos outros servizos innovadores, como a posiblidade de que un usuario autopublique un libro ou unha revista aproveitando unha serie de , ou impresión baixo demanda para os editores. Tamén se poderán facer álbums de fotos personalizados, exposicións, ou mesmo contos personalizados para nenos ou caricaturas cun sitema que as xera a partir dunha foto”, explica Jiménez, que destaca a colaboración co proxecto Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, e o interese na innovación desta iniciativa.

Rede, edición e formación
Para alén das utilidades que o proxecto pode ter para o consumidor final, Meubook contará cunha rede social que pretende mudar as relacións no mundo da edición. “Detrás disto hai toda unha serie de persoas, colectivos e empresas que van achegar os seus contidos ao web. Poderán deixar arquivos e agruparse por actividade ou intereses”, explica Jiménez. Deste xeito, a plataforma contará con grupos de autores, libreiros, editores ou afeccionados a xéneros concretos. “A idea é que os creadores, os editores e o público en xeral atopen unha nova conexión entre cliente final e produtor. Queremos que os editores beban das críticas persoais dos lectores, que funcionen as recomendacións e que haxa debates, como nun boca a boca tradicional”. Canda ao sector editorial, a plataforma ten nos centros de formación e mais nas universidades outro colectivo profesional de interese. “Temos conversas bastante avanzadas con varios centros de formación. Ofertámoslles personalizar un site cunha serie de ferramentas típicas como chat, blogs, rede social...” Iso permitirá a comunicación directa entre profesores e alumnos, intercambio de arquivos ou outras aplicacións. “Vendemos libros pero tamén queremos ofertar servizos innovadores baseándonos niso. O importante non é a venda en si, senón crear valor engadido a toda a xente e aos contidos que aloxan aquí”, resume o director xeral do proxecto.

Dereitos e electrónica
A responder ás necesidades do libro electrónico, a plataforma aposta por novos sistemas de xestión de dereitos e de contidos, como o DRM Social. “Trátase de buscar un compromiso entre os dereitos do autor e a posibilidade de que o usuario acceda aos contidos. Establécese un sistema de acceso parcial ou controlado, que pode permitir, por exemplo, ler só algunhas partes dun libro ou acceder ao mesmo só unhas horas cada día”. Segundo Jiménez, “o noso proxecto é integrador no sentido de que pode darlle pulo á xente que está ancorada na parte máis tradicional do libro a dar o salto ao mundo dixital”. Nese sentido, os volumes electrónicos que se venderán no portal “sairán cun formato compatible con todos os lectores”, asegura o director.

A proposta dos editores
Canda a Meubook, o outro grande proxecto de plataforma tecnolóxica é o que está a promover a Asociación Galega de Editores e que estará operativa, cando menos en parte, o vindeiro mes de setembro. Segundo explica o presidente deste colectivo, Alfonso García Sanmartín, esta iniciativa “quere achegar a oferta de todo o libro galego. De xeito urxente vai ofertar os libros de texto para o proxecto Abalar”. A iniciativa de informatización das aulas da Xunta de Galicia determina en grande medida a configuración da proposta dos editores. “Queremos ser un repositorio do libro galego que pemita tamén enlace con outras iniciativas semellantes que se fan en galicia desde grupos ou empresas”.

Formación no libro electrónico
Do mesmo xeito que Meubook, esta plataforma quere ser algo máis do que unha tenda dixital. “Contamos con estender a participación a todo o mundo do libro e facer unha canle entre o mundo dos editores e todos os demais actores do proceso da edición, contando cos autores ou os ilustradores”. De novo a cuestión da edición electrónica está presente detrás do proxecto. “Agardamos crear un ámbito de reflexión e de formación sobre o libro dixital, desde a nosa perspectiva cómpre un novo deseño do papel de editores, autores e libreiros”. Para conseguir ese obxectivo “incluímos unha parte importante de formación para facilitar esa transicción”, lembra García, “está previsto contar desenvolver plans compartidos con outros ámbitos alén da edición para que nos axuden nisto”. García Sanmartín recoñece que “a situación está un pouco en ebulición. Hai que resolver problemas como o novo modelo de negocio ou o coidado dos dereitos do autor, porque non queremos atopar os problemas da música ou do audiovisual”. Ademais, recoñece que “polo momento nestes formatos existe unha oferta ampla, hai editoras galegas cun centro de títulos en formato electrónico, pero as vendas polo momento non se corresponden con esta oferta. Temos que avanzar sen pausa pero sen se embarcar en aventuras, xa que aínda non está definido o modelo”.

A intencións están postas enriba da mesa. Nos vindeiros meses poderemos ver se estes proxectos acadan conectar co público e co sector e en qué xeito muda o mundo editorial galego a partir deles.