Comeza a V edición das Viñetas do Atlántico achegando á Coruña a Banda Deseñada da posguerra española

Desde o Atlántico

Se eras dos que debuxabas na clase, dos que imaxinabas un mundo en debuxos, tes unha cita na Coruña. Comezaron as “Viñetas do Atlántico”, a festa da BD que durante sete días fai da Coruña unha gran historieta onde compartirás protagonismo coas estrelas desta edición: Carpanta e Torpedo.

Surca o ceo da Coruña desde o pasado día 19 unha grande nube no ceo que semella ser un bocadiño dunha historieta que susurra “Viñetas do Atlántico”. Algo se move na cidade herculina que vai do surrealismo á realidade. Un Supermán saúda o visitante desde a ponte de Alfonso Molina; un Batman vixía a seguridade cidadá desde o Banco Pastor; Astérix e Obélix observan a apocalípticos e integrados que contemplan as novas terrazas acristaladas na praza de María Pita; e un Spíderman farto do seu éxito cinematográfico trepa polo Obelisco para tecer a súa rede salvadora. Son e non son os protagonistas. Son unha ficción e unha realidade pero que nos acompañaron e acompañarán mentres exista un mundo a cabalo entre o debuxo e a literatura, un mundo en recadros e bocados. Son todos os que son pero non todos os que están, e son unha mostra evidente de que a Coruña volve a ser o epicentro das viñetas.



E que comezaron as “Viñetas do Atlántico” que levan xa cinco anos sen faltar á cita. Unha edición que fai que esta arte menor se vaia consolidando como un dos orgullos máis dos que se ten gabar a cidade herculina. Pero este ano, este quinto aniversario ten un matiz diferente ó de anos anteriores (ademais dun orzamento que pasa dos 108.000 euros ós 150.000). As Viñetas non teñen casa, a súa, a estación marítima xa non existe; e Miguelanxo Prado e os seus (é dicir, os organizadores desta gran festa da Banda Deseñada, flanqueadas por un alcalde convencido e fanático da BD) tiveron que buscar un novo espacio para as súas andainas. E non foi un senón tres (o Kiosko Alfonso, a sala de exposicións do Palacio de María Pita e a Casa de Salvador de Madariaga) para achegar unha temática diferente. Este ano as Viñetas deixan de mirar cara fóra, cara a banda que se creou no mundo e que lle deu azos a un xénero que camiña ó fío da navalla, entre o puramente comercial e o independente, para centrarse no último cuarto do século XX: a historieta nacional. Son os anos máis fértiles dunha “industria” que deu creadores como Jordi Bernet, Jan, Ramón Sabatés; publicacións como “TBO” que fixo do seu nome un xénero, “El Jueves” que cumpre 25 anos de humor ou “Golfiño” no noso pequeno país e que vive hoxe en día unha nova primavera; e ficcións como Carpanta, Torpedo ou o profesor sen par Franz de Copenhaguen. Todos eles nomes e figuras que teñen o seu espacio na Coruña.




Espacios e historias




A triple territorialidade das “Viñetas” deste ano compleméntanse e son tan necesarias como a tinta ó papel. A sede central deste “experimento”, como bautizou Miguelanxo Prado a este certame, é o
Kiosko Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez) cunha lección de historia para non esquecer. As 500 viñetas da “Historieta de España, de 1977 a 2002” e 38 “Golfiños” para ter unha referencia do que deu de si esta publicación que hoxe na súa “segunda época” parece ser un indicador que a BD galega goza de mellor saúde. E a sede principal conta tamén con dúas retrospectivas dedicadas ós autores Jordi Benet e Juan López, “Jan”.



De Jordi Benet exhíbese unha retrospectiva con algunhas das súas creacións míticas o seu “Torpedo 1936” ó que se incorporaría en 1982 e que lle valería o principal recoñecemento internacional; e a serie “Clara de noche” que crearía para a revista “El Jueves” con guión de Carlos Trillo e Enrique Macías dez anos despois do Torpedo. Un personaxe que se incorpora á galería de personaxes das “Viñetas”. E de Jan teremos tamén outra retrospectiva, na que non faltará a súa personaxe máis coñecida “Superlópez” (que tamén se incorpora á galería de personaxes). Ademais, estas “Viñetas” deixaranos o orixinal dunha das súas últimas aventuras (“Súperlópez en el infierno”).




A Casa da Cultura Salvador de Madariaga
acolle o “Certame do Cómic e Ilustración Injuve 2001”, unha mención importante ó presente máis inmediato da banda. Pero o máis destacado é o delirio sempre surreal e hilarante dos artificios cos que o sempre estridente Profesor Franz de Copenhaguen solucionaba os problemas domésticos. Nas 25 reproduccións físicas dos seus inventos non están o seu prototipo de recolledor de prendas caídas nunha tenda de roupa (preciso para esta época de rebaixas), pero si as súas solucións a cuestións tan pouco banais como o sofisticado invento para cortar as unllas dos pés ou o “locomóbil”, un auto impulsado por medio dun fol. Unha lección de tecnoloxía ó servicio do home cos que Ramón Sabatés (Barcelona, 1915) estivo máis de cincuenta anos facendo sorrir. Unha homenaxe á vida ingrata deste historietista que tantas veces nos sorprendeu cos seus inventos e que murcha languidamente nunha habitación dun asilo barcelonés.



E na terceira recalada, a que nos leva á sala de exposición do Palacio de María Pita, está a exposición que conmemora a historia recente da historieta española. Son os “25 anos de El Jueves” que comparten espacio con “Os tebeos en España de 1977 a 2002” que sirve para pechar a historia.



Aínda que as “Viñetas” pecharán como tal o día 25 de agosto, as historietas, as personaxes e as exposicións permanecerán abertas ata o primeiro de setembro. Ata o 25 poderalas ver desde as 12 ás 14 e de 18 a 22, mentres que a segunda semana pechará ás 21 horas.




Autores, charlas e moito máis




As “Viñetas” déixanos algo máis que exposición , que esa oportunidade para ver orixinais e sacar os tebeos á rúa (que se venderán un 10% máis baratos), senón para ver e escoitar ós autores e especialistas invitados. Na Feira da Historieta (nos Xardíns de Méndez Núñez), nos 32 casetas de editoriais e librerías especializadas (que cada ano son máis as que queren expoñer. Este ano quedaron en lista de espera 12) estarán tamén os pais de moitos coñecidos. Están Bernet e Jan, Migue Beltrán (vencellado á historieta valenciana e creador de Marco Antonio); Antonio Martín (editor e crítico de cómics); Pasqual Ferry (debuxante nas editoriais americanas DC e Marvel), José Luis Martín (un dos fundadores de “El Jueves”, para a que creou as series “Dios Mío” e “Jesucristo”); Antonio Martín (teórico e historiador, técnico editorial en Planeta); Jaime Martín (vencellado a “El Víbora” e un dos pioneiros das viñetas autobiográficas) e Antoni Guiral (guionista, crítico e técnico editorial e Norma, Planeta ou Edicións B).