O Courel como laboratorio

Unha exposición inicide na faceta de Novoneyra como renovador poético

É unha mostra de pequeno formato, concibida para un público que non coñece en profundidade a literatura galega e, ao mesmo tempo, presentar a poética galega e o homenaxeado no día das letras galegas. Sen embargo, a exposición Uxío Novoneyra e a poesía experimental en Galicia centra unha nova ollada sobre o escritor do Courel, como renovador deste xénero literario.

“Cremos que é posible explicar a literatura e a cultura galega fóra de tópicos e, que sirva para explicar a literatura e a cultura galega para xente que vive en Cataluña” explica Helena González e comisaria desta exposición que se pode ver en Barcelona, nas vitrinas da Biblioteca Xeral desta universidade. Como cada ano, González buscou un enfoque diferente e nesta ocasión tendo en conta o perfil do homenaxeado no Dia das letras galegas, decidiu facelo desde o punto de vista experimental. “Primeiro porque está de moda, e segundo porque estes días se celebra a Semana de Poesía de Barcelona cunha presenza de poetas moi importantes na cidade que están a amosar moito interese por esta pequena mostra” explica.

Pero… ¿que é iso do experimental?
Vaia por diante que Helena González pretende aclarar que o concepto de poesía experimental é moi amplo e no que caben cousas tan dispares como o traballo que fixo o Colectivo Rompente ou outros máis actuais de autores individuais como Chus Pato ou Estíbaliz Espinosa. “Aínda que hai moitas diferenzas entre a poética de Novoneyra e a doutros autores quixemos poñer aquelo que resultase impactante” apunta González. Para ela “nós partimos de que a poesía é un dos laboratorios de creación privilegiados, onde a palabra se pode retorcer, baleirar, volver a encher en todos os sentidos”. Nese concepto experimental lembra que de aí saíron poemas debuxados, obxectos e moitas outras cousas. “Novoneyra, apunta Helena, en lugar de fabricar obxectos, devolve a poesía cara a emoción, cara a unha exploración moi interna da poesía sen esquecer ter un pé na terra. Experimenta coa palabra deixando que a emoción flúa na man deixando que sexan caligráficos”. para esta profesora de literatura galega en Barcelona hai outra característica a maiores que lle outorga á poética de Novoneyra un valor diferente “os seus textos tiñan outro sentido ao ser recitados”. Por todos ben coñecido é que Novoneyra foi un gran recitador e, en parte, o seu labor creador nunca esqueceu o compoñente da oralidade dos seus textos. Ademais, “se tomamos co concepto de experimental como poesía estendendida ou expandida, que o que fai é apreixar o seu mundo con todos os seus códigos, é dicir, tomar todo tipo de formatos e de formas para escribir, o resultado é o que fai Novoneyra”. Pero Helena vai aínda máis alá ao considerar que a revolución que supuxo ao rebentar o soporte da poesía non foi só coa oralidade, senón tamén coa concepción, que lle faría un gran entusiasta das posibilidades das novas tecnoloxías. “Estou convencida que el faría poesía en dixital” puntualiza González.

E como renovador que foi, deixou unha fonda pegada en numerosos autores. “Creo que hai escritores que se senten moi na onda de Novoneyra, nunha maneira diferente de abordar o tema da paisaxe”. Para González contribuíu a renovar un tema que forma parte do tópico da literatura galega, ao conseguir darlle un elemento innovador porque non idealiza e describe o mundo rural, da montaña, senón que é moito máis complexo e abstracto. ”A palabra prende na paisaxe” conclúe González.

A exposición
Toda esa faceta renovadora de Novoneyra, pero tamén dos poetas máis arriscados e innovadores da poética galega, pódese entrever nesta mostra. É unha exposición pequena, que se presenta nas vitrinas do Salón Noble da Biblioteca da Facultade de Barcelona, con fondos destes propios docentes, das coleccións privadas dos seus profesores e da Galería Sargadelos de Barcelona. Ata o 21 de maio pódese ver a primeira edición de Elexías do Caurel e outos poemas, a edición galego-bazterrak de Os eidos e logo outras curiosidades como a edición recente de Tempos de elexía. Alén do homenaxeado no Día das Letras Galegas, a exposición recolle tamén como algunhas das publicacións de Rompente, a bolsa antimareo da Corporación Semiótica Galega, xunto con libros de Chus Pato, Estíbaliz Espinosa, Antón Reixa e “aquela primeira edición do Libro dos Amados de Antón Lopo que viña nunha carpeta de cartón e que correu de man en man e que está confrontada coaprimeira edición posterior do libro”. Entre os pequenos tesouros que tamén exhibe nesta mostra, destaca o catálogo da exposición de Estado de sitio. 23 artistas ourensáns e 9 poetas / Estat de setge. 23 artistes ourensans i 9 poetes que tivo lugar na Galería Sargadelos entre setembro e outubro de 2001 no que colaboraron unha serie de poetas entre as que destaca María Ruído que plasmaron os seus textos en obxectos de cerámica.