Barcelona despois da festa

Menos novidades editoriais e a ausencia dun posto de venda marcan a presenza galega no XXVIII Saló del Còmic

Cartel oficial <i>Salo Cómic 2010</i>
Cartel oficial Salo Cómic 2010
A presenza de Galicia como comunidade convidada no Saló del Còmic de Barcelona do pasado ano marcou, con máis ou menos acertos, un fito na presenza internacional da nosa BD. Pasado o evento, a edición do Saló que comeza mañá preséntase como unha mostra do enfoque que ten o actual equipo da Consellaría de Cultura encol da proxección exterior do sector. Ao tempo, permite comprobar o grado de consolidación desta nacente industria. A escaseza de nominacións e de novidades editoriais marcan en boa medida o ano.

Logo do despregue de 2009, cun amplo posto promocional e outro de venda, en 2010 a delegación da BD galega en Barcelona amparada pola Consellaría de Cultura volta ao posto de 24 metros cadrados que representou o cómic do país desde 2007. No mesmo poderá verse a exposición Un Camiño de Viñetas. Cunha ilustración promocional de Emma Ríos, e comisariada por Benito Losada, a mostra recolle unha páxina de diferentes autores do país co nexo común do Camiño de Santiago. Carlos Arrojo, Diego Blanco e Kike Benlloch, Cosme, Manel Cráneo, José Domingo, Jacobo Fernández Serrano, Alberto Guitián, Jano e Rodrigo Cota, Miguel Robledo, Brais Rodríguez, Martín Romero, David Rubín, Kiko da Silva, Iván Suárez e Alberto Vázquez compoñen a lista de creadores que achegan as súas peculiares visións do Xacobeo.

Dous postos
Canda a este posto, recupérase tamén un segundo posto de menor tamaño (uns tres metros de fronte) como o que se destinara hai dous anos á venda de exemplares. No entanto, segundo anunciou onte a Xunta, nesta ocasión este espazo destinarase tamén á promoción e á exposición de material, e non á venda. Nos dous espazos amosarase a habitual mostra de exemplares de obras de autores galegos e de obras editadas no noso país. Canda a isto, distribuiranse exemplares impresos do texto ABC BD, elaborado por culturagalega.org e haberá sesións de sinaturas. Diego Blanco e Mariano Casas iniciarán a xeira o día sete, xornada inaugural do evento, e seguiranos, xa pola tarde, Rodrigo Cota e Jano (co Centoloman que publicou Rei Zentolo), canda a Kiko da Silva. O 8 serán Brais Rodríguez, Victor Rivas, José Domingo e de novo Kiko da Silva os asinantes, mentres que o día 9 ao mediodía fechará estas sesións David Rubín.

Novidades editoriais
Canda á presenza nos postos, o salón de actos do Saló acollerá o venres día 8 a presentación das novidades editoriais galegas, que nesta edición resultan máis escasas do que nos últimos anos. Salvo incorporacións de ultima hora, unicamente Fran Jaraba dará a coñecer a edición en castelán, da man de Glénat do seu De sangre y ron mi Cuba. Canda a el, Kiko da Silva presentará o número 4 da revista BD Banda. E é que as editoras e colectivos galegos non fixeron a xa habitual batería de lanzamentos con ocasión do Saló. Nin Faktoría K, nin Cerditos de Guinea Cómics, nin Polaqia, que deixa para máis adiante o vindeiro número de Barsowia, nin Fuck Cómics, presentan novidades nesta ocasión. Pola súa banda El Patito Editorial acode co lanzamento, o pasado 23 de abril, de As dúas viaxes de Xaquín Marín como única novidade, e Retranca aproveita para presentar o seu último número. Tamén os creadores de Sinónimos de lucro participan no evento, compartindo posto no espazo de fanzines. Volta tamén a este espazo, logo de dous anos a vender o seu material no posto da BD galega, Mariano Casas, que achega como novidade o volume La mancha negra, aínda sen distribuír. Fóra do noso país, desde Panini viu a luz recentemente a edición en castelán dos dous volumes do Wolverine que realizou Das Pastoras para Marvel.

A venda
Canda a Casas, os editores que asisten á feira buscaron nesta edición alternativas ao posto de venda común que se levou na delegación galega nos últimos anos. Desde xeito, El Patito Editorial compartirá posto con Ediciones SinSentido, mentres BD Banda e Retranca ocupan un espazo canda a Ariadna Editorial. Así e todo, distintas firmas quedaron sen espazo de venda, o que provocou críticas de distintas voces do sector. Desde Polaqia, por exemplo, David Rubín sinala que, en principio, “non teremos material á venda. Tentaremos colocar algún noutro posto, pero vai ser complicado”, e lembra que se dá a contradición que mentres varios membros do colectivo asinarán exemplares, dificilmente terán ocasión de os mercar. Ata o de agora, Cultura cubría o custo do espazo de venda e o traslado mentres os editores e colectivos se encargaban de pagar o persoal do mesmo. Segundo explica o libreiro Juan Carlos Sanmiguel “non houbo acordo entre os editores e Cultura sobre o xeito de xestionar o stand de venda. Hai moi poucos editores que coas vendas que teñen poidan cubrir os gastos de ter alguén atendendo o posto. Tampouco é que sexa moito, pero a Xunta non quixo cubrir isto, e quedamos sen espazo para vender”. Pola súa banda, Mariano Casas sinala que “o posto galego funciona máis como exposición que como venda, a verdade é que eu vendo máis no stand de fanzines”.

Autores
Nesta xeira, ao igual que o pasado ano, os autores galegos non contarán con axudas específicas para se desprazar ao Saló, aínda que si cobrarán, aqueles que van participar nas sesións de sinaturas no posto da BD galega. Non semella, no entanto, que isto provoque un descenso crucial no número de asistentes ao evento. Segundo explica Santy Gutiérrez, presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, “polo que sabemos, máis ou menos irán tantos como outros anos, máis de quince seguro”. Entre estes, e para alén dos xa mentados, atopamos a María Vilar, Emma Ríos, José Domingo, Hugo e Sergio Covelo ou Brais Rodríguez. Chaman a atención no entanto ausencias como Jacobo e Norberto Fernández, Carlos Portela, ou mesmo Miguelanxo Prado, habituais na cita, sen que as mesmas se poidan achacar directamente á mentada falta de axudas ao desprazamento. De calquera xeito, a cifra non chega aos máximos históricos dunha trintena de creadores galegos desprazados á capital catalá para dar a coñecer os seus proxectos en 2008.

Premios
Pendentes de coñecer os resultados dos Premios Populares, semella claro que vai descender tamén a presenza do noso país nos premios do Saló a respecto de anos anteriores. Unicamente Carne Líquida e El dios mofeta compiten nas categorías oficiais polo galardón ao mellor fanzine, o que contrasta cos números de anos anteriores, especialmente co pico conseguido en 2007, xa antes do convite da nosa comunidade.

Gráficos: Presenza galega nos premios do Saló del Còmic de Barcelona (2001-2009)


(Ampliar o gráfico)

Outras presenzas
De xeito colateral, tamén toca a Galicia a exposición o Saló lle dedica a As serpes cegas, o álbum de Hernández-Cava e Bartolomé Seguí que levou o Premio Nacional de Cómic e que foi editado por BD Banda. Do mesmo xeito, autores do noso país como Fran Jaraba ou David Rubín asinarán exemplares nos postos das editoras das súas obras. Canda a todo isto, tamén se presenta no evento o último número da publicación Dos veces breve de Ariadna Editora (candidata a mellor revista), con colaboracións de Manel Cráneo e Diego Blanco nas súas páxinas, e desde as Xornadas de BD de Ourense dan a coñecer o cartel que fixo Brais Rodríguez para a súa vindeira edición, que se celebrará entre o 1 e o 7 de outubro.

Tendencias
Como resumo, e pendentes da evolución do evento, pódese concluír que a presenza galega no Saló mantén, tirada a ausencia do posto de venda e falta de nomes destacados do panorama nas actividades do posto galego, o nivel de anos anteriores. Encol da falta de novidades de editoras e autores do país, semellan xuntarse varios factores neste sentido, para alén da omnipresente sombra da crise económica que non deixa de afectar a industria editorial. Deste xeito, pódese pensar que se está a producir unha desestacionalización dos lanzamentos, bastante clara por exemplo no caso de El Patito Editorial, e que as firmas galegas deixan de ter Barcelona como punto crucial para o lanzamento das súas publicacións. Ao tempo, moitos dos creadores do país están agora mesmo mergullados en proxectos creativos longos ou a traballar para editoras foráneas, o que fai augurar unha certa recuperación dos lanzamentos de cara a vindeiros anos, cando se publiquen e traduzan estas obras. Do mesmo xeito, está claro que esta situación repercute no número de candidaturas que acumulan os nosos creadores e editoras. É de agardar que, á luz de Barcelona, esteamos a falar dun ano de transición e que, de cara á vindeira edición, a nosa BD recupere o relativo ímpeto que a caracterizou nos últimos anos neste evento.

Ilustración de Emma Ríos para o posto galego no Saló de Barcelona

Ilustración de Emma Ríos para o posto galego no Saló de Barcelona

Cartel das XXII Xornadas de BD de Ourense

Cartel das XXII Xornadas de BD de Ourense