Museos costa abaixo

Menos visitas, un investimento que non medra e interese escaso da poboación marcan o panorama destes centros en Galicia

A situación xeral dos 76 museos que existen en Galicia dista de ser óptima e tende a empeorar. O Observatorio da Cultura Galega realizou unha explotación para o noso país dos datos do Ministerio de Cultura encol deste sector. Segundo isto, o noso interese por estes centros é inferior á media estatal, o número de visitas aos mesmos está a diminuír e mesmo o investimento nos mesmos medra a unha media inferior ao conxunto do Estado.

Segundo os datos do Ministerio de Cultura para 2008, en Galicia existen 76 museos e coleccións museográficas, na súa maior parte, un 34%, dedicados ás ciencias naturais. A arqueoloxía, cun 24% e a arte, cun 16% son os seguintes apartados con máis fondos no país.




Desinterese
No entanto, malia á aparente cantidade e variedade de centros dispoñibles, o interese por asistir aos mesmos non é moi elevado. Malia a que non estamos moi afastados da media estatal, un 40,5% dos galegos amosan un interese mínimo (entre 0 e 2 sobre 10) por achegarse a estes espazos culturais, fronte ao 31% estatal. Do mesmo xeito, só un 16,3% dos habitantes teñen un interese “notable” polos mesmos fronte ao 22,5% do conxunto das comunidades autónomas.

Visitas
Un dos datos máis preocupantes sobre o sector é que o número de visitantes reais a estes locais está a descender de xeito continuado desde 2004, mentres no conxunto do Estado continúa a medrar no mesmo período. Débese ter en conta, no entanto, que os 2.157.982 visitantes dese ano poden estar relacionados co feito de se celebrar un Xacobeo, e que a cifra de 1.832.396 asistentes en 2008 non deixa de ser superior aos visitantes do ano 2000, que é cando comeza esta serie de datos.






Investimento
Outro ámbito no que Galicia non converxe co resto do Estado neste sector é o do investimento por museos. As cifras destes centros supoñen unha grande eiva nos datos que manexa o Ministerio de Cultura, na maior parte dos casos porque os responsables dos mesmos non facilitaron os datos correspondentes. Malia a isto, a observar o investimento público no sector, obsérvase que o gasto liquidado medio por museo en Galicia é moi inferior ao conxunto estatal, e aínda que medra, faino moito máis lentamente, polo que cada vez a diferenza de recursos entre os nosos centros e os de fóra da comunidade é cada vez maior. De feito, o gasto medio por centro é menos da metade do que se fai no Estado.



Territorios
A actividade de ir a museos é eminentemente urbana, segundo os datos do ministerio. En Galicia, é na Coruña, cun 57,3% da poboación, en Pontevedra, cun 54,4% e en Vigo, cun 52.6%, onde máis público aproveita estas instalacións. Ademais, percíbese unha ampla diferenza entre os habitantes de concellos de máis de 50.000 habitantes que desenvolven esta actividade e aqueles que viven en municipios con menos desa poboación. Por provincias, é Pontevedra, cun 45% a provincia máis cos habitantes máis museísticos, seguida pola Coruña cun 41%. En Lugo estas propostas só chegan ao 18,3% da poboación e en Ourense a asistencia redúcese a un 11,6%.

Actividades e persoal
A nivel de actividades, os museos do noso país manteñen o tipo fronte á media estatal. Un 52,2% ofertan propostas educativas, e á hora de atender aos máis pequenos, destacamos no conxunto, xa que o 91,7% das actividades están destinadas a eles. A nivel de composición de persoal tamén destaca o alto número de persoal con carácter permanente que posúen estes centros, un 72,9% dos traballadores, case 10 puntos máis da media estatal. No outro extremo só contamos cun 3,9% de voluntarios nos nosos museos, fronte a lugares como o País Vasco ou Castela a Mancha que contan cun 17% e un 16% por centro destes traballadores. Tamén destaca a alta presenza de bolseiros e de estudantes en prácticas nos nosos centros museísticos, nada menos que un 33,3% do persoal, 15 puntos por riba da media estatal.