Cultura corrixe a convocatoria de axudas para a creación de BD

As titulacións xa non son excluíntes, pero sigue esixíndose xustificación dos gastos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a corrección da polémica convocatoria de axudas á creación de banda deseñada que realizara a Consellaría de Cultura. A reforma do texto atinxe basicamente ao parágrafo 1 do artigo terceiro, no que se establecían as titulacións necesarias para se presentar ás axudas. Nese sentido, engádese o seguinte parágrafo: "Tamén poderán ser beneficiarias aquelas persoas que, sen contaren coas titulacións anteriores, teñan publicado ou realizado para algún medio de comunicación traballos de banda deseñada". Estas colaboracións deberán acreditarse cun certificado do medio ou ben cunha copia da obra realizada, o que na práctica abre as axudas a calquera interesado. No entanto, mantense outro dos requisitos máis contestados polo sector, a necesidade de xustificar os gastos de elaboración da BD. Os interesados dispoñen dun mes a partir de mañá para presentar os seus proxectos.