Rexeitamento unánime dos autores de banda deseñada á convocatoria de axudas da Xunta

As titulacións requeridas e a esixencia de facturación son as principais críticas

O sector da BD reaccionou de xeito unánime á publicación onte no DOG da convocatoria de axudas á creación de banda deseñada 2010. As reaccións dos autores consultados coinciden de maneira unánime no distanciamento entre as bases da convocatoria e a realidade do sector da banda deseñada en Galicia. Desde os prazos para presentar o proxecto (que inclúe o guión técnico completo do álbum), só dun mes, ata os dous aspectos máis polémicos da convocatoria: a necesidade de estar titulado en determinados estudos para poder concorrer ás axudas e a de facturar os gastos de produción da BD.

Formación pouco informada
A convocatoria esixe ter unha titulación universitaria de Belas Artes, Comunicación Audiovisual, Filoloxía, Tradución ou Deseño Téxtil, ou noutras de FP. Para Manel Cráneo, autor de BD e vicepresidente da Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), “a meirande parte dos autores galegos son autodidactas. Ademáis ter un título de belas artes ou artes oficios non ten nada que ver coa profesión de ser un autor de BD xa que nesas escolas non ensinan nada respecto á nosa profesión”. Deste xeito, a solicitude de determinadas licenciaturas universitarias deixaría fóra a moitos autores representativos do sector da bd en Galicia. “Entre eles”, asegura Miguel Porto, “Miguelanxo Prado, Emma Ríos, Carlos Portela, por falar de tres puntas de lanza do noso panorama”. David Rubín asegura que “non é preciso titulación de algún tipo para facer bd”. Para este autor, “estás axudas están cortadas mais polo patrón das axudas á realización de curtametraxes”.

Un problema de facturación
Emma Ríos asegura que as axudas “non só son discriminatorias, senón que non cumpren os requisitos de axudas ao tratárense de subvencións en toda regra que esixen a xustificación dese diñeiro mediante facturas”. Este é outro dos aspectos nos que inciden todos os autores: a imposibilidade real de xustificar con facturas o diñeiro recibido para un proceso creativo e intelectual como a creación dun álbum de cómic, e o de incluír nel os custes de edición das obras. Segundo Dani Montero, “na banda deseñada a parte máis custosa é o tempo. Non hai grandes gastos de material“. Segundo David Rubín, “co sistema promulgado por estas bases, promóvese, como pasa no audiovisual, o facer "trampas" para xustificar os gastos verquidos no proxecto”. Rubín continúa: “o que verdadeiramente hai que investir á hora de facer unha bd é tempo, e o tempo, polo momento, non se pode facturar nun papel”. En xeral, os autores critican a falta de comprensión por parte da Xunta da mecánica de produción dun álbum de banda deseñada. Para Emma Ríos: “a proposta debera ser a equivalencia a un soldo para que o autor puidera concentrarse na elaboración do proxecto durante un tempo”. Manel Cráneo conclúe: “parecen máis unhas axudas para edición que para investir na creatividade dos nosos autores”. Algúns autores piden mesmo a marcha atrás. Para Jacobo Fernández: “penso que deberían anular esta convocatoria hoxe mesmo e facer unha nova. Non sei a quen axudarán estas axudas. Aos autores de banda deseñada galegos non”.