Cultura asegura que as axudas á BD foron elaboradas co "consenso total da representación do sector"

O goberno sinala que sempre se ``contou coa opinión dos autores na redacción da convocatoria´´

"Seguimos estritamente o consenso e acordo total coa representación do sector", asegurou a Consellería de Cultura onte nun comunicado a raíz da polémica cos autores de banda deseñada polos requisitos da axuda á creación de banda deseñada. A Xunta sinala que a Lei de Subvencións de Galicia esixe a solicitude de titulacións na convocatoria de axudas. culturagalega.org tentou coñecer a opinión dos membros do sector que participaron nos rascuños da convocatoria que aprobou a Xunta. Henrique Torreiro, secretario da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), entidade que colaborou coa Xunta na redacción, suliñou que foron os representantes do sector os que forneceron a lista de titulacións "que foi respectada na súa integridade". Torreiro tamén indicou a "sorpresa" dos representantes polo formato final da convocatoria, a xeito de "axudas". "Nós criamos que se trataban de bolsas", asegurou o secretario de AGPI, "e pensamos que se produciu un malentendido sen mala fe".

Torreiro tamén indicou que a asociación BD Banda participou nestas reunións, estremo que a asociación, a través do seu presidente, Kiko da Silva, nega. "É certo que nós participamos na proposta inicial destas axudas", sinala da Silva, "e fixémolo na Mesa da Banda deseñada que convocara o anterior goberno, pero non fumos convocados a partir da entrada do novo. A nosa proposta eran unhas bolsas á creación, pero esta convocatoria é denigrante e absurda para os autores".

A diferencia entre bolsas e axudas significa, a nivel administrativo, que no caso das axudas, os beneficiarios deben acreditar con facturas todos os gastos para os que se recibe a axuda. Outro dos puntos polémicos que Torreiro indica que eles descoñecían é que as axudas poderán contemplar "axudas á edición". "Porén, penso que é interesante", sinalou Torreiro, o secretario da AGPI, "na medida en que pode ser unha das saídas naturais para a autoedición e a autodistribución".

A Xunta publicou no DOG o luns a convocatoria de axudas a creación de BD 2010, nas que un dos requerimentos era a necesidade de contar cunha das titulacións especificadas, cláusula que exclúe a un número moi significativo de autores da BD, que carecen de tales titulacións. Entre o luns e o martes, moitos deles fixeron manifestacións públicas criticando a Orde do goberno autonómico.