A falta dunha semana para que comece unha nova edición de ARCO (17 a 21 de febreiro), as galerías ultiman as obras que van presentar nesta feira de galerías de arte contemporánea. A presenza galega este ano redúcese unicamente a dúas galerías, máis a unha serie de artistas que acoden con entidades de fóra como Álvaro Negro con Mario Sequeira ou Antón Lamazares coa galería alemana Kai Hilgermann. Pola parte galega, Ad Hoc (Vigo) estará presente no panorama xeral, con obras de Xoán Anleo, Libia Castro & Ólafur Ólaffson, Suso Fandiño, Curro González, Chelo Matesanz, Nano 4814, Carme Nogueira, e Jorge Perianes, entre outros. Polo demais, Factoría Compostela (antes C5 Colección, Santiago) intégrase na proposta de ARCO 40, que exhiben obras de ata tres artistas realizadas nos últimos tres anos en espazos fixos de 40 metros cadrados. Aimée García, Jesús Pastor e Manuel Sendón son os tres artistas seleccionados pola galería santiaguesa.