A BD galega non está no festival de Angoulême este ano

A Consellaría de Cultura sinala que "non se solicitaron axudas" para asistir a este evento

Logo de dous anos de presenza con apoio oficial, a banda deseñada galega estará ausente da edición 2010 do Festival de BD de Angoulême, considerado o máis importante de Europa. A Consellaría de Cultura sinala que "non se solicitaron axudas" por parte do sector para acudir a este evento. No entanto, a presenza nesta feira fora anunciada por este departamento no marco das actividades do Ano do Libro e da Lectura. Ademais, o propio director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez, mentaba o pasado día 25 este festival entre as citas coas que pretendía promocionar internacionalmente a BD feita no noso país. De xeito privado, vai acudir ao evento a El Patito Editorial, que agarda fechar alí os acordos para publicar na nosa lingua a serie Le manoir des murmures, debuxada por Tirso Cons e con cor de Javi Montes. Ao tempo, os responsables da firma, Fausto Isorna e Gemma Sesar, pretenden negociar a venda de dereitos de obras do seu catálogo para o exterior.