Inti Guerrero gaña o Premio MARCO/FRAC Lorraine para Novos Comisarios

O proxecto gañador exporase no MARCO de Vigo entre maio e setembro de 2010

O colombiano residente en Amsterdam Inti Guerrero gañou a terceira edición do premio para novos comisarios, convocado conxuntamente eset ano polo MARCO de VIgo e o FRAC Lorraine (Fonds régional d’art contemporain de Lorraine) de Metz, Francia. O xurado reuniuse o luns 16 de outubro en Metz para avaliar as propostas presentadas. O proxecto gañador exporase nas sedes das dúas entidades convocantes. Entre maio e setembro do 2010 no MARCO de Vigo e entre outubro de 2010 e xaneiro de 2011 no FRAC Lorraine.

[nota do gabinete do MARCO]

O proxecto gañador, que ten como título provisional “Cando a rama rompe: sobre rituais e relixións”, é unha proposta de Inti Guerrero, crítico de arte e comisario independente nado en Colombia (Bogotá, 1983) e residente en Amsterdam. Na elección do xurado tívose en conta a calidade do proxecto e a súa adecuación ás características do MARCO e FRAC Lorraine como espazos expositivos. Tomando como punto de partida o título do libro de James Frazer, La rama dorada. Un estudio sobre magia y religión (1922), esta exposición reúne obras de 10 artistas que tratan sobre a idea do ritual e da relixión en diferentes contextos, relacionados coa política, a memoria colectiva e a cultura popular.