A Academia Galega do Audiovisual convoca os premios Mestre Mateo 2009

O prazo de recepción de candidaturas remata o 16 de decembro

Son os premios máis importantes do audiovisual galego e recoñece a produción feita no noso país durante o ano 2009. A Academia Galega do Audiovisual acaba de convocar unha nova edición deste certame que non presenta novidades con respecto á doutros anos. Longametraxes, películas, series e programas para televisión, documentais, curtametraxes de ficción e animación, obras experimentais, obras publicitarias e obras interactivas así como os profesionais que participen nestas producións –agás nas curtametraxes, obras experimentais, publicitarias e interactivas- poden presentarse a estes premios. O prazo de recepción de candidaturas remata o 16 de decembro, co qeu se abre o prazo de alegacións, votacións ata a gala final que terá lugar nos meses de abril ou maio.

Calendario dos Premios Mestre Mateo 09
Ata o 16 de decembro: recepción de candidaturas.
8 de xaneiro: publicación de candidaturas aceptadas e ábrese o prazo de alegacións de socios.
18 de xaneiro: péchase o prazo de alegacións (ás 13:00 horas).
20 de xaneiro: publicación das candidaturas definitivas presentadas.
1 de febreiro: envío de papeletas para a primeira rolda de votacións.
26 de febreiro: finaliza o prazo de recepción de papeletas de votación no notario.
8 de marzo: publicación dos finalistas.
9 de marzo: envío de papeletas para a segunda rolda de votacións.
5 de abril: fin do prazo de recepción de papeletas de votación no notario.
Abril - maio: GALA PREMIOS MESTRE MATEO 09