O Museo Massó adianta a posibilidade de que Bueu se convirta nun centro de cultura marítima

O mar en dúas salas

O dez de xullo abre en Bueu o Museo Massó, un centro sobre a cultura marítima que tivo a súa orixe nunha colección privada. A apertura deste centro, que motivou unha ampla mobilización social no concello, abre a posibilidade de que Bueu sexa un centro internacional para turistas e estudiosos do mar.


A orixe


En 1928 o inventor do telégrafo sen fíos, Guillermo Marconi, visita as zonas de Vigo e do Morrazo dentro do seu periplo marítimo no barco Electra. En Bueu, achégase á factoría conserveira Massó, creada máis de cen anos antes polo catalán Salvador Massó Palau. O italiano, impresionado pola maquinaria do século XIX que aínda se conserva e por coleccións coma a de maquetas de barcos que posúe a familia, suxírelle ós propietarios que creen un museo e unha biblioteca centrados no mar. Os conserveiros fixéronlle caso ó inventor e pouco a pouco comezaron a recompilar bibliografía sobre temas marítimos, maquetas, maquinaria da fábrica, motores, bitácoras, mapas, temóns e todo tipo de aparellos relacionados co sector pesqueiro e baleeiro, incluídas varias dornas e un dos tradicionais botes polbeiros de Bueu. A colección foise ampliando ata que os membros da familia decidiron albergala nun edificio anexo á fábrica, onde lla amosaban a amigos e visitantes. A diversidade de intereses dos diferentes membros da familia non se restrinxiu unicamente ó mar, senón que tamén chegou a temas etnográficos e de historia local. Desde xeito incorporáronse ós fondos da colección familiar ánforas, ferramentas prehistóricas e outros restos arqueolóxicos. Tamén a biblioteca recolle esta variedade de intereses, con obras que van desde as novelas de cabalería, á medicina ou a tratados sobre música, así como varias edicións do Quijote e mesmo varios incunables. Onda todo este material, a familia Massó incluíu na súa colección cadros (incluíndo un mural de Urbano Lugrís que vén de ser restaurado) ou a recreación dunha cociña tradicional galega, varias esculturas e mesmo tallas realizadas en dente de cachalote.




A incerteza e a plataforma



A decadencia da industria conserveira fixo que a comezos dos anos noventa os descendentes de Salvador Massó decidisen vender todo o complexo industrial. En 1993 a Xunta mercou, por 2.824.756 euros (470 millóns de pesetas) o local e os fondos do Museo Massó, sen asegurar cal ía ser o seu destino. Foi entón cando os habitantes de Bueu se organizaron para solicitar que a colección da familia quedase en Bueu e que sobre eses fondos se crease un museo especializado en temas marítimos. Naceu así a Plataforma pola Defensa do Museo Massó, na que participaban arredor de trinta asociacións culturais e veciñais así coma todos os grupos políticos do Concello. Nos sete anos seguintes, o edificio foi deteriorándose e moitas pezas comezaban a correr perigo pola humidade. A pesar da presión realizada, non foi ata o ano 2000 a Xunta iniciou os traballos de rehabilitación para abrir o museo ó público, logo de quedar deserta a primeira convocatoria do concurso para realizar as obras. Logo de coñecer a intención da Xunta de deixar a Colección Massó en Bueu, a Plataforma centrouse en reclamar que o centro non quedase só como unha sala visitable senón que se convertese nun verdadeiro museo. O escaso espacio dispoñible limita, segundo a Plataforma, a unha cuarta parte do total os fondos expostos e dificultaba a creación da liña didáctica e de investigación que todo museo debe ter por definición. Así, desde Bueu pedíase que as obras incluísen unha ampliación do centro. Sen embargo, a venda do complexo industrial fixo que os terreos adxacentes ó local do museo estean en mans privadas e sexan chan urbanizable, polo que sería necesaria unha cesión que aínda non se fixo para poder realizar esa ampliación. As reivindicacións da plataforma continúan, e aínda que recoñecen a importancia da apertura ó público do museo, consideran isto soamente coma un paso cara a creación dun auténtico Museo do Mar en Bueu.




O museo


Foi o pasado catro de xullo cando o Consello da Xunta aprobou a creación do Museo Massó como centro integrado na Rede Galega de Museos e cunha liña de investigación e de divulgación propias. As instalacións, que se inaugurarán o dez de xullo, constan finalmente de dúas salas distribuídas en senllos andares, cunha superficie total de trescentos metros cadrados. No andar inferior poderá verse o material centrado no mundo do mar, con mostras de maquinaria e ferramentas empregadas na pesca e na industria coma anzois do neolítico, un canóns para a pesca de baleas ou unha prensa para o salgazón. Tamén neste andar poderán verse o bote polbeiro da colección e un bote de pesca de sardiña. O segundo andar amosa a variedade da colección Massó, expondo os máis destacados libros e manuscritos recollidos pola familia así coma os mapas e modelos de barco ou os restos arqueolóxicos. Un total de mil rexistros estarán á vista do público e só os investigadores e estudiosos poderán acceder ó almacén onde se garda o resto da colección. A mostra poderá visitarse un mínimo de trinta horas semanais, estando aínda por fixar o horario definitivo. Ademais da mostra en si, no recibidor do Museo proxectaranse audiovisuais sobre o centro e sobre a antiga fábrica Massó. Despois do desembolso inicial para adquirir a colección, a Xunta aportou arredor de 300.500 euros (arredor de cincuenta millóns de pesetas) para as obras de rehabilitación do edificio, e 180.300 euros (trinta millóns de pesetas) para acondicionar o centro e restaurar pezas. O museo conta cun orzamento anual de 180.300 euros (trinta millóns de pesetas), que xestionará a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. En breve agárdase que se redacten e aproben o plano anual de actividades do centro e o seu regulamento interno. Desde a Xunta apúntase que a posibilidade ampliar o centro cara a terreos anexos queda pendente do éxito que acade.



A Fundación

Coa intención de paliar o que consideran unha apertura en precario do Museo Massó, desde o Concello de Bueu estase a impulsar nos últimos meses a creación dunha fundación que promova a cultura marítima na zona e realice actividades que impulsen o museo. A Fundación Pedra Branca, que así se chama o organismo, empezará a funcionar este mesmo verán e a intención do Concello é que nela participen a Confraría, as Consellerías de Pesca e de Cultura, o propio Concello e diferentes persoas do Concello con experiencia no eido do mar. A Fundación encargaríase de promover Bueu como un centro de cultura marítima salientando elementos coma a Lonxa, as embarcacións tradicionais (con especial atención á barca polbeira) e os restos arqueolóxicos dunha salgazón romana aparecidos na zona, ademais de organizar obradoiros e xornadas. Polo de agora desde o Concello xa acadaron a doazón dun barco de pesca litoral feito totalmente en madeira que está amarrado no peirao da vila. Coa inauguración do Museo ábrese un camiño para facer de Bueu un centro de cultura marítima de importancia internacional.