Polaqia lanzará novas publicacións e láminas en Viñetas desde o Atlántico

Barsowia 14 e Sketchbook 3 encabezan as novidades editoriais

Tras os números de anos anteriores adicados a Miguel Robledo e Roque Romero, agora tócalle quenda a Javier Olivares. O madrileño é o autor do Sketchbook, nº3 que Polaqia publicará para o festival de banda deseñada da Coruña. Xunto a este caderno de debuxos de 48 páxinas, o 10 de agosto a asociación galega tamén estreará o Barsowia nº14, con capa de Sergio Covelo. Aos autores que xa viñan colaborando súmanse novas fichaxes como o neozelandés Dylan Horrocks, os americanos Jesse Jacobs e Connor Willumsen e os españois Fermín Solís, Juan Berrio, Javi Rey e Martín López. Nas 108 páxinas da publicación tamén participa Miguel B. Núñez, autor de El corazón de los árboles editado no pasado Salón do Cómic de Barcelona. Ademais das novidades editoriais, Polaqia porá á venda senllas láminas a toda cor de Emma Ríos e David Rubín.