Os irmáns tarela fixéronse referentes mundiais no MSX coa revista e o club Hnostar

Galicia: Potencia en oito bits

De ter unha afección de fin de semana a ser os referentes mundiais nun tema: Esta é a historia dos irmáns Tarela, tres composteláns que hai xa dez anos puxeron en marcha o club e a revista “Hnostar” no seu tempo libre. Hoxe son abandeirados dun movemento que, en todo o mundo, reclama a utilidade do MSX, un sistema de ordenadores de oito bits fabricados durante os anos oitenta e que moitos se resisten a ver morrer, propóndoos como alternativa ó PC.


Cando os PCs non dominaban a terra


O MSX é un tipo de ordenadores baseado nunha plataforma de oito bits (os actuais son de trinta e dous) que naceu en 1983 coa intención de convertirse no estándar na informática sen acadalo. Ata que cesou a súa fabricación en 1991, destronados polos PCs, este sistema era un dos máis potentes do mercado, ofrecendo velocidade, son e cor cando aínda outros sistemas funcionaban en monocromo.
A odisea dos Tarela comezou cara o verán de 1989. Os tres irmáns, daquela adolescentes, apostaban firmemente polo MSX, aínda en auxe, e querían coñecer xente para intercambiar xogos e programas. Daquela só había en todo o Estado Español unha revista dedicada a esta plataforma, “MSX Club”, que non convencía ós galegos. “Nós queríamos información do que se facía noutros países ademais de Xapón, de encontros, do que se facía en España”, explica Xesús, un dos tres pioneiros.
Así, puxeron en marcha unha publicación mensual fotocopiada dedicada a este tipo de computadores, na que “a principal actividade era a información, axudar á xente e dar solucións ó que ninguén dicía, cousa coma o xeito de reparar unha disqueteira, ou adaptar un accesorio.” Axiña acadaron un grande éxito a nivel estatal cun producto confeccionado nas fins de semana por uns rapaces que só contaban cos seus propios recursos, as colaboracións doutros afeccionados coma eles e moita ilusión. Por suposto a revista estaba maquetada cunha versión do Adobe Pagemaker para MSX.
Arredor da publicación foise creando un club de interesados neste tema que intercambiaban entre si información e programas de todo tipo, sen chegar a constituirse legalmente coma asociación e sen recibir axudas de ningún tipo.





A construcción da alternativa



Logo de dous anos nos que a revista foi crecendo, en 1991 chegou a mala noticia. A última empresa que fabricaba computadores MSX, Panasonic, deixou de producir estas máquinas. Sen embargo, o fin da producción dos computadores non supuxo que a afección a este sistema rematase. Así, a comezos dos noventa principiou un traballo en equipo no que afeccionados de todo o mundo desenvolvían programas e accesorios para tirarlle o máximo partido do sistema MSX. Deste xeito acadaron desenvolver os seus equipos ata extremos moi superiores ós que chegaran as multinacionais. Ó disco duro seguiu a adaptación do rato, as tarxetas de audio, as capturadoras de video e mesmo o CD-ROM. A nivel de programación tampouco cesou a producción de xogos, utilidades de deseño e sistemas de control de luces ou de robots, así como unha infinidade de pogramas.




A resistencia desde Compostela


Foi nesta época, entre 1992 e 1993 cando os Tarela ampliaron aínda máis a súa área de acción e comezaron a actuar tamén coma distribuidores de material para MSX. Segundo Xesús, “a comezos dos noventa moitos grupos que facía cousiñas pensaron en nós para distribuir os seus productos”. A partir dos contactos internacionais desenvolvidos a través da revista, o club Hnostar converteuse nun dos principais fornecedores de pezas deste tipo para toda a Península, todo dun xeito puramente amateur, sen procurar un beneficio que, de calquera xeito, o volume de negocio non permitía. Na actualidade dispoñen duns corenta e cinco programas, xogos e aplicacións no seu catálogo, así como de dez accesorios para MSX que van desde tarxetas de audio ata ratos.
Tamén nestes anos os Tarela iniciaron a edición dun suplemento en formato disquete no que incluían animacións, sons dixitalizados e programas creados por eles mesmos, e cada quince días sacaban un boletín en papel e por correo con noticias e anuncios dos productos que distribuían.
En 1994 a revista deu un paso máis pasando a ser trimestral e a facerse por imprenta. Arredor de cincocentos exemplares distribuíanse a todo o mundo, por correo e mediante distribuidoras en Holanda, Italia, Brasil e Xapón. A revista ofrecía neste período entre cincuenta e dúas e noventa e seis páxinas en castelán (con algún artigo en inglés), a branco e negro e a cor, moitas fotografías, información sobre eventos internacionais, complementos para o sistema, consellos técnicos, reseñas de programas...
O éxito da revista levou ó club a acadar un grande número de socios: “Agora debemos de ser uns oitocentos, rexistrados: Xente abonada, que se subscribiu a revista, que colaboraron..." Todos eles repartidos entre Holanda, Italia, Suiza, Brasil, e Xapón, onde chegou a crearse unha delegación do club co mesmo nome. En menor medida o club mantivo contactos e colaboradores, ata chegar a unhas mil cincocentas persoas, en Estados Unidos, Canadá, Arxentina, Chile, Australia, Corea, Yemen, Reino Unido, Francia, Alemania, Bélxica, Suecia, Noruega, Dinamarca, Luxemburgo, Rusia...




O MSX galego



En Galicia non hai moita xente que empregue un MSX na actualidade. O club rexistrou desde a súa posta en marha 55 usuarios (o mesmo número que ten rexistrado en Holanda) dos que só arredor de trinta son activos, e fieis. “En Santiago temos un dos primeiros socios desde hai trece anos, e seguimos en contacto”, explica Xesús. Existen sen embargo moitas outras persoas que seguen a ter un computador deste tipo na casa e mesmo o empregan sen se preocupar das posibilidades de actualización que ofrece o mercado. E algúns casos, coma un Psicotécnico compostelán, que o empregan sen ser conscientes do movemento que existe arredor deste sistema.
A actividade do Club Hnostar foi responsable en grande medida de que a día de hoxe o Estado Español sexa un dos países nos que o MSX conta cunha maior e máis organizada afección, onda Xapón, Brasil e Holanda. Unha afección que se concentra fundamentalmente en Barcelona, onde o club ten 150 usuarios rexistrados.



Ano 2002


A revista “Hnostar” atópase, logo de nove anos de actividade, nun intre de descanso logo de chegar ó número corenta e catro. “O último número da revista saíu no 2000 e agora estamos no 2002, nunca houbo tanto parón. E agora estou a ver se saco o seguinte número” explica Xesús, único dos tres irmáns que pretende continuar co proxecto. A súa proposta pasa por buscar xeitos alternativos de publicación, coma un boletín menos elaborado ou a combinación da publicación en papel e na rede.
Sen embargo, o club continúa a actividade, participando en encontros internacionais e mantendo o contacto coa afección: “Seguimos distribuíndo e facendo cousas pero baixou moito o ritmo no MSX. E sobre todo nós, porque nós marcamos moito, o ritmo da xente. Se nós desaparecemos practicamente morre o MSX. Estamos tan arriba que semella que mentres siga a revista hai MSX para rato. Pero en canto desaparezamos nós e Sunrise, que é a principal asociación-productora en Holanda, xa alá vai o sistema en todo o mundo.”