Un pouco menos cómico

Marionetas e actores protagonizan unha mostra en Cangas que terá menos espectáculos

Comeza a mostra de Cangas, a primeira das citas teatrais deste verán. Unha edición que se caracteriza por un recorte orzamentario que obrigará a programar menos espectáculos no auditorio e menos teatro de rúa. Pero iso non implica menos calidade, e Cangas cumpre dezaseis anos con ofertas para todos os gustos.

“O cartel non se parece moito á programación inicial que presentamos en febreiro á Consellaría de Cultura” afirma Che Mariño, directora do encontro. Daquelas, fixeran un proxecto que contaba con numerosos espectáculos chegados doutros países (Estados Unidos, Italia, Suíza, Colombia…) con moito teatro de rúa e funcións no auditorio todos os días que dura a mostra. En total, aquel festival contaba cun orzamento de, aproximadamente, uns 120.000 euros. O proxecto presentóuselle á consellaría que, naquel momento, estaba dirixida por Ánxela Bugallo. Pero no medio houbo unhas eleccións e o seguinte cambio de goberno que implicou unha paralización dos trámites administrativos que se estaban a xestionar. E neses papeis estaba o de Cangas.

Esta edición de Cangas
A mostra abrirá as súas portas o vindeiro venres día 3, cun programa menos denso que noutras ocasións pero non por iso con menos calidade. “Un dos nosos pratos fortes é La Faranda, un grupo arxentino que presenta unha historia medieval fantástica” apunta Che Mariño. Moitas programación de rúa (destaca a aposta de Teatro de Ningures de volver atrás no tempo para contar o desembarco dos turcos e a historai de María Soliña), unha completa programación infantil e espectáculos de madrugada en pubs conforman o cartel desta edición que contará como pregoeiro a Avelino González. Coma sempre, os espectáculos de pagamento estarán no auditorio: Mejorcita de lo mío dos madrileños La escapista ou Los que ríen los últimos de La Zaranda. Canda estas obras, dous clásicos: Tres sombreros de copa a cargo de Fuegos Fatuos e os madrileños Atalaya, que recuperan do seu repertorio a multipremiada representación da obra de Valle Inclán Divinas palabras.

Canda isto, haberá as habituais actividades paralelas que este ano centrarán en temas moi actuais. Cristina Domínguez, Xulio Lago, Anxeles Cuña e Ze Paredes falaran dos Retos e desafíos en tempos de crise. Cursos de clown, obradoiros de coeducación emocional, afectiva e social a través da expresión dramática e outro de Como ser home por un día?, completan este programa no que tamén se presentará un novo número da Revista Galega de Teatro.

Os recortes
Coa remodelación administrativa posterior ao cambio de goberno, a Asociación Xiria e o Concello de Cangas, coorganizadores desta mostra, decidiron esperar a ver o que acontecía. “Foi ata hai mes e medio, asegura a súa directora, cando tivemos que poñer un punto e final e tirar para adiante”. Nese momento, ante a falta de noticia por parte da Consellaría de Cultura e de Agadic, a directora decidiu meter a tesoira no programa e recortar do proxecto inicial. “Empezamos a refacer un programa novo no que caeron todos os espectáculos grandes de rúa, suspender moitas programacións estranxeiras, hai dous días nos que non hai programación no auditorio… iso si, todo isto non implica unha rebaixa da calidade” aclara Che Mariño. A nova programación ten un orzamento duns 80.000 aproximadamente.

Como a situación de Cangas non era unha excepción, o sector das artes escénicas reuniuse para facer pública a “parálise total” na que vivían e instar ao Executivo a poñer fin ao que consideraban un “negro panorama de paro”. Foi a partir desa denuncia pública nos medios cando a situación comezou a desbloquearse. O pasado martes 23 de xuño os representantes de diferentes colectivos das artes escénicas reuníronse co conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o director xeral de Promoción da Cultura para poñer medidas concretas sobre a mesa. Roberto Pascual, director da mostra de Ribadavia, foi o encargado de representar os festivais e mostras de teatro, para os que “se abre un tempo complicado”.

Dous días despois daquela xuntanza, o xoves 25, os representantes do festival de Cangas foron chamados á consellaría de Cultura. “Alí fomos co noso proxecto e recibiunos un funcionario, non o director xeral, e tampouco tivemos a oportunidade de defendelo” explica Che Mariño. Foi ese mesmo funcionario o que os chamou onte (martes, 30 de xuño) para confirmarlles que recibirían unha achega de 30.000 euros con cargo ao convenio. Alén deste acordo coa consellaría, a mostra contaba con outra partida da Agadic para pagar funcións das compañías. “As compañías facturaban directamente a Agadic non a nós, e deste tipo de axuda aínda non sabemos nada”, explica Che Mariño.