A promesa electoral do PP sobre modificar o sistema de gratuidade de libros de texto e garantir a posesión dos mesmos polos alumnos reflectiuse o pasado venres nunha medida concreta. Segundo anunciou o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo, o sistema de préstamo universal substituirase a partir do curso 2009-2010 por outro progresivo no que as familias con menos de 5.400 euros por persoa de renda anual contarán cunha axuda de 180 euros para adquirir este material, mentres que as que teñan rendas de entre 5.400 e 9.000 euros por cabeza recibirán a metade aproximada desta contía e os ingresos máis elevados imperdirán contar con apoio público para este fin. A medida xa foi criticada desde o PsdeG, que sinalou que o novo sistema é máis caro que o anterior e só presta cobertura a un 25% das familias.