Aproveitar o conxunto dos bens patrimoniais dun concello coma base de desenvolvemento local. O proxecto, pioneiro a nivel galego, Xestión Integral do Patrimonio Cultural de Amoeiro quere que os habitantes desta localidade ourensá coñezan e desenvolvan a posta en valor destes bens. A fase actual, que inicia agora a súa andaina e que está previsto se complete de cara a 2011, consiste basicamente na catalogación exhaustiva do patrimonio que existe no concello. Están a se facer prospeccións e recollida de patrimonio arqueolóxico e etnográfico. A partir de aí traballaremos con sistemas de información xeográfica e faremos tamén tarefas de limpeza, explica González, investigador da Universidade de Santiago. Esta institución, canda ao Laboratorio do Patrimonio do Centro Superior de Investigacións Científicas son os responsables dos traballos técnicos e divulgativos da iniciativa.
Amosar a evolución da paisaxe
A idea básica de que se parte é que neste concello en concreto sucedéronse unha serie de paisaxes culturais desde a prehistoria ata hoxe en día, explica Javier González. Desde os asentamentos prehistóricos ata a modernidade, cada unha das épocas deixou pegadas neste contorno, configurando un conxunto que achega moitos datos sobre a evolución dos poboadores de Amoeiro.. Desde unha perspectiva algo radical, mesmo se pode considerar integrar no proxecto o problema do feísmo, que non deixa de ser un exemplo que como a sociedade industrial afectou á paisaxe agraria, completa.
Implicación local
De xeito paralelo á investigación, o proxecto prevé manter o contacto continuo cos veciños e cos poderes públicos da zona . Pensamos en lle dicir ao concello ou como pode acondicionar rutas de sendeirismo ou qué elementos poden aproveitarse, pero o xeito en que se desenvolva esa posta en valor depende deles, incide González. A xente que vive onda os bens patrimoniais deben ser os seus primeiros defensores. De cara a implicar a sociedade local nestas iniciativas, os arqueólogos desenvolven actividades coma visitas guiadas ou a presentación pública do proxecto, que se realizou esta última fin de semana. Tamén imos facer unha exposición divulgativa na que se irán presentando algúns dos traballos realizados, tanto neste proxecto coma en anteriores.
Por qué Amoeiro
Para alén da riqueza patrimonial propia deste concello, a localización deste proxecto en Amoeiro débese en boa medida ás experiencias previas de investigación na área do Laboratorio do Patrimonio do CSIC. Hai moitos anos que se está a traballar aquí, explica González. Cando se fixo o gaseoducto houbo un grande seguimento arqueolóxico da obra, e desde aquela non se deixou de traballar. Isto suma practicamente unha década de investigacións sobre etes patrimonio o que nos permitiu delimitar a zona coma de especial interese. Malia á grande importancia do patrimonio deste concello, desde o LAPA advirten queo proxecto poderían aplicarse a moitos outros concellos do país. O propio Laboratorio traballou na posta en valor, contando con axentes locais, do castro de Castrolandín, one se desenvolveu un proxecto que incluía actividades no recinto e un aproveitamento para o ocio e o turismo. No entanto, segundo aseguran os investigadores, esta é a primeira vez que se traballa de xeito integral a escala concello.
O patrimonio
Á hora de falar da importancia do Patrimonio de Amoeiro, Marcos García, outro investigador da USC vencellado ao proxecto, salienta que, o patrimonio en xeral do concello ten unha grande importancia. Hai restos significativos de case todas as épocas desde o Paleolítico, hai 30.000 anos, ata agora, e esta concentración non é moi frecuente. Deste xeito, desglosa por exemplo a mportancia do Castelo do Formigueiro ou do depósito das Pereiras, que amosa a transición entre a época romana e a primeira Idade Media. Hai tamén sartegos que poden ser paleocristiáns, o que supón unha especial importancia dos restos dunha época da que non hai tantos testemuños, e da que se poe seguir a actividade. Canda a isto, a listaxe contiúa igrexas románicas coma San Pedro de Trasalba, varios castros, inscricións latinas, gravados medieavis, restos de escultura castrexa e sete ou oito pazos, entre eles o de Trasalba, explica. En xeral hai unha paisaxe moi ben conservada. Por exemplo, semella que hai un cento de hórreos que superan o século, ou restos de antigas telleiras. Moitas cousas que non son directamente arqueoloxía pero que hai que ter en conta.
Astronomía prehistórica
A xoia da coroa, no entanto, semella ser o conxunto de petróglifos da Ferradura. Dos trinta gravados que hai alí, aparecen tres vencellados con momentos clave co ciclo anual, en concreto os dous solsticios e mais as festas da media estación. Falamos de auténticos observatorios astrolóxicos que mantiñan aliñamentos específicos cos astros nesas datas determinadas. A propia posición destes gravados, na confluencia do Barbantiño eo Miño, ten grande valor paisaxística, completa. A resumir as posibilidades de Amoeiro para coñecer o noso propio patrimonio, García completa se alguén quere ver un museo virtual de Galicia poderá ir á Cidade da Cultural. Se quere ver como foi en realidade, que veña a Amoeiro.
O Abrigo do Raposo. Vista Exterior.
No interior deste abrigo acóchase un petroglifo de trazado inusual. Foto: Soledad Felloza.
Petróglifo do interior do Abrigo do Raposo
Segundo os investigadores, a orientación deste petróglifo está vinculado a cultos con vinculacións astronómicas.
Petróglifos de A Ferradura
Próximos ao abrigo da Zarra, trátase dunha gran estación con numerosos gravados, entre eles, ducias de podomorfos. Foto: LaPA.
Baixorelevo de posible orixe castrexa
Atópase nun lavadoiro de Amoeiro, reubicado. Foto: Soledad Felloza
Baixorelevo de posible orixe castrexa na aldea de Formigueiro
Estaba ubicado como mesa do altar da capela de Formigueiro, pero trala súa última reforma os veciños colocárono na fronte.
Detalle do baixorrelevo da Capela de Formigueiro
De posible orixe castrexa. Foto: Soledad Felloza
Interior da casa das Tías Casildas
Ubicada na aldea de Sanxiago, parroquia de Fontefría (Amoeiro). Ata hai poucos anos, conservaba in situ tres cabezas de adscrición castrexa. Aínda conserva dúas. Foto: Soledad Felloza.
A riqueza arqueolóxica de Amoeiro (Ourense)
Detalle dos tres cabezóns de orixe castrexa da casa das Tías Casildas, en Sanxiago (Fontefría, Amoeiro). A terceira cabeza está nunha casa próxima, xa fóra da súa ubicación orixinal.