Xerais presenta a súa estratexia para o libro dixital

A editorial confía en ofrecer os primeiros 50 títulos no próximo semestre

Manuel Bragado, director da Edicións Xerais de Galicia, anunciou o proxecto da creación da súa Biblioteca Dixital no discurso do acto de entrega dos Premios Xerais na Illa de San Simón. O proxecto de dixitalización de Xerais comezou pola base. “A decisión máis importante é adaptar os nosos procesos de traballo”, asegura o editor, para así poder producir libros para os diferentes soportes.

E, a partir de aí, tres diferentes posibilidades que se irán abrindo paulatinamente. En primeiro lugar, a editorial priorizará os contidos educativos dixitais, destinados aos subscritores da editorial. Constituirán “un banco de recursos dixitais por materias, imos ofrecelos aos nosos usuarios desde os nosos servidores e cos nosos medios”. Ademáis, en segundo lugar, Xerais comezará a elaborar contidos para os lectores de libros electrónicos, os coñecidos como ibooks, en dúas vías. Por unha banda, recuperará libros descatalogados. “Hai que facelos revivir. Agardamos contar coa colaboración dos autores”, asegura Bragado, que poderán ser tamén impresos baixo demanda, superando así o anterior concepto da reedición para moitos dos títulos.

E o terceiro elemento da estratexia será “perfilar o modelo de negocio” a través da introdución dos títulos actuais de ficción tamén no libro electrónico. E segundo Bragado, o futuro estará “máis ben nos agregadores de contido” nos que non só estea Edicións Xerais, como poden ser as grandes librarías en liña de ámbito estatal ou internacional coas que se establecerán acordos de venda e distribución. “Fronte a discursos vitimistas e paralizantes, o sector da cultura ten que buscar o seu futuro”, di Bragado.” Agora, co tema da crise, temos unha circunstancia complexa, pero nós temos que convertela nunha oportunidade”..

En 6 meses, Bragado estima que Xerais poderá ofrecer un catálogo de 50 títulos electrónicos na rede.