Festivais, concertos e proxectos traen sons duros a toda a xeografía

Rock around Galicia

O Raia Rock de Portonovo, o Trece Gatos Rock de Melide, Obús, Los Enemigos, Sexy Sadie, Ruxe Ruxe, Trans Am, Holywater e o anuncio dun futuro festival heavy en Vigo enchen galicia de guitarras vibrantes e de sons de alta voltaxe.


Raia Rock


É só a segunda edición pero o Raia Rock, que se celebra coincidindo coa Festa da Raia de Portonovo, consolídase coma un dos festivais de rock máis destacados de Galicia. A presencia de grupos tan destacados coma Sexy Sadie ou Los Enemigos, que actúan ás once desta mesa noite onda o grupo local Doctor Poliéster y los Porkirias, confirma a boa saúde do encontro. O concerto de Los Enemigos inclúese dentro da xira de presentación do seu último álbum, o directo "Obras escocidas". Pola súa banda, Sexy Sadie presentan os temas do seu último álbum "Butterflies".












Trece Gatos Rock



Melide terá a súa dose de vibracións esta fin de semana. O Trece Gatos Rock celebra a súa segunda edición con grupos coma Papaqueixos, Mallory ou Kaóticos, que oscilan desde os folk ó rock ou o punk. Pero sen dúbida, o grupo máis destacado do cartel son os míticos Obús, pioneiros do rock duro en España que voltan ós escenarios despois de cinco anos de silencio. Os concertos comezarán ás seis e media da tarde e desenvolveranse alomenos durante seis horas, a mil setecentas pesetas a entrada. O festival comezará o vindeiro sábado.




Concertos


Ademais dos festivais, Galicia encherase de concertos estes días. Para esta mesma noite está previsto o dos californianos Trans Am no Iguana Club de Vigo. Será ás doce e media e servirá de presentación de "Red Hot", último disco desta banda que aúna rock e experimentación musical. Na mesma sala e á mesma hora sonará o sábado o son bravú de Ruxe Ruxe, grupo da costa da morte que presenta o seu disco "Non temos medo". Por outra banda, o pub Clavicémbalo de Lugo recibirá a visita do grupo Holywater, que presentará os temas do seu primeiro álbum aliñados con algunha versión dos Beatles. Por se todo isto fose pouco, o concelleiro de Cultura de Vigo, Carlos Príncipe anunciou para finais de ano a celebración da cidade dun festival heavy e rock no que está previsto que participen nun comezo grupos locais.