A Asociación de Escritores entrega os seus galardóns

Inma López Silva, Miguel Anxo Murado, Teresa Moure e Xavier P. Docampo incrementan o palmarés das súas últimas obras

A Cea das Letras serviu de marco para que a Asociación de Escritores en Lingua Galega entregase os seus premios anuais. Para alén do xa anunciado Escritora Galega Universal que recolleu Elena Poniatowska, coñecéronse os galardoados no resto das categorías. Deste xeito, o Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado foi recoñecido coma mellor ensaio, O libro das viaxes imaxinarias Xabier P. DoCampo levou o premio de Literatura Infantil e Xuvenil mentres A melancolía dos corpos de Xulio L. Valcárcel gañou en poesía. Memoria de cidades sen luz, de Inma López Silva, foi considerada a mellor obra de narrativa, Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure, levou o galardón de textos dramáticos e a Gonzalo Navaza recoñecéuselle a tradución de As flores do mal. Ana Romaní como mellor traxectoria xornalística, As uvas na solaina de Marcos Valcárcel na categoría de blog e mais a Sección de Literatura do Liceo de Ourense tamén foron recoñecidos.