O Concello de Vigo celebra o Ano Europeo das Linguas cun ciclo de concertos

Cantar coas linguas

A música de Irlanda, Cataluña e Euskadi estarán no Centro Caixanova de Vigo da man dos seus mellores intérpretes dentro do ciclo "As músicas faladas". Con esta iniciativa, a Concellería de Normalización Lingüística pretende implicar a cidade na celebración do Ano Europeo das Linguas. Mick O´Brien, Lluis Llach e Amaia Zubiría serán os encargados de achegarnos as músicas dos seus respectivos países.

A variedade e a universalidade


Segundo sinalou na presentación deste ciclo a Carmen Martínez, concelleira de Normalización lingüístsica da Cidade Olívica, estes concertos pretenden celebrar a diversidade lingüística existente en Europa ó tempo que salientan a capacidade de comunicación universal da música.
Os concertos desenvolveranse no Centro Cultural Caixanova, institución que colabora na organización do ciclo, e serán ás dez e media da noite.
O Ano Europeo das Linguas pretende difundir entre os cidadáns da Unión Europea o coñecemento das diversas linguas faladas no continente e promover a súa aprendizaxe.












Os concertos



"As músicas faladas" comeza mañá coa actuación do gaiteiro irlandés Mick O´Brien, que interpretará coa súa "uileann pipe" ou gaita irlandesa algúns dos temas máis tradicionais da súa terra. O´Brien é recoñecido internacionalmente coma un dos mellores intérpretes deste instrumento, sendo un dos poucos músicos que é quen de tocalo empregando chaves propias na gaita.
O segundo dos concertos programados, o día trece de outubro, é o de Lluis Llach, coñecido cantautor catalán que desde finais dos anos setenta vén dando mostras do seu bo facer e do seu destacado compromiso social. No concerto interpretará cancións do seu último disco, "Temps de revoltes" no que incluíu a cantata "Germanía 2007", un innovador espectáculo que presentou recentemente na praza de touros de Valencia.
Desde Euskadi chega o dous de novembro Amaia Zubiría, destacada intérprete de temas tradicionais bascos, que ten editados xa máis de dez discos e ten participado en numerosas bandas sonoras. Na súa actuación interpretará temas do seu último álbum "Hou pitxu hou", dedicado ó entroido basco.