O Día Europeo das Linguas celébrase con poucas actividades en Galicia

O Día D(as linguas)

O Día Europeo das Linguas que se celebra hoxe promoverá diferentes celebracións ó ancho de toda a Unión Europea. Así, a nosa lingua estará presente en varios actos en Madrid. Mentres, en Galicia a Mesa pola Normalización Lingüística vén de reclamar a cooficialidade do galego no portal institucional español www.administracion.es e diferentes concellos de Galicia veñen de asinar o acordo para para desenvolver un proxecto de difusión do galego chamado Ciberlingua. Para o mes de novembro si veremos un congreso sobre linguas minoritarias, o que organiza a Dirección Xeral de Política Lingüística.

Actos de Europa (e de Madrid)



Un dos múltiples actos que se celebrarán en toda Europa con ocasión deste día consistirá na solta simultánea de globos nas capitais dos países da Unión Europea baixo o título "O despegue das linguas". Máis achegados a nós, en Madrid programáronse diferentes actos nos que estarán representadas as diferentes linguas recoñecidas no Estado Español. Así, na apertura da xornada haberá representantes dos diferentes Institutos de Lingua e Cultura do Estado, e na presentación pública do "Marco de referencia para o ensino e a avaliación das linguas" no Círculo de Belas Artes estarán presentes os responsables dos departamentos de política lingüística de Galicia, Cataluña e Euskadi. Desde o día oito celebrarase un ciclo de películas en linguas minoritarias entre as que se proxectará a galega "Sempre Xonxa".













Iniciativas pola lingua



Coincidindo co Día Europeo das Linguas, a Mesa pola Normalización Lingüística venlle de reclamar a Administración Central que o galego acade rango de cooficialidade no portal público www.administracion.es, que actualmente só está en castelán. A Mesa reclama que tanto os menús coma os contidos deste portal, que se proclama coma portal único da administración española, estén en todos os idiomas do estado.
Tamén hoxe os alcaldes de Compostela, Vigo, Pontevedra e Ferrol, a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega e o Instituto para o desenvolvemento de Software en Galego veñen de asinar un convenio para pór en marcha o programa Ciberlingua, que pretende promocionar o emprego do noso idioma a través da rede e das ferramentas informáticas.









Un congreso (ou dous)


Xa a certa distancia do Día das Linguas, entre o 22 e o 24 de novembro, celebrarase no Pazo de Congresos e Exposicións de Compostela a VIII Conferencia Internacional de Linguas Minoritarias, que organiza a Dirección Xeral de Política Lingüística. A este encontro acudirán entre outros, lingüístas tan destacados coma Robert Lafont, especialista en occitano ou o catalán Miquel Siguán.
Ademais desta Conferencia, en Pontevedra, e varios días antes, entre o 15 e o 17 celebrarase en Pontevedra o congreso internacional "Linguas minorizadas: presente e futuro".
Este congreso está a ser organizado poa Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG) en colaboración coa Universidade de Vigo e do Concello de Pontevedra.