Os retos nas aulas

A actualidade protagoniza os debates sobre Educación na Semana Galega de Filosofía

Nos últimos tempos atopámonos mergullados nos máis diversos debates encol da educación. O proceso de Boloña, a aprendizaxe de linguas, as reformas nos temarios, a integración tecnolóxica ou a chegada dos inmigrantes ao sistema educativo erguen interrogantes alén do propio sector. Para botar un ollo encol dos problemas educativos neste comezo de séculos, a Aula Castelao de Filosofía decidiu dedicarlle a esta cuestión a súa Semana Galega de Filosofía deste ano. Analizamos con algúns dos relatores as cuestións chave do sector.

O anuncio da retirada do Decreto de Galeguización do Ensino está a facer que a Semana Galega de Filosofía deste ano estea a aparecer nos medios coma un punto de debate encol da lingua no sistema educativo. Segundo explica o presidente da Aula Castelao, Carlos Calviño, “a importancia que se lle está a dar ao debate encol da lingua é máis unha cuestión dos medios que da propia Semana. Aquí están a se tratar moitos temas, e é verdade que abordamos tamén ese. A verdade é que o pasado ano, cando propuxemos o tema, a lingua tiña un espazo, pero non prevíamos que fose pasar isto”. Relatores coma Goretti Sanmartín e intervencións desde o público revelan como a axenda o evento está marcada en boa medida pola actualidade desta cuestión. Encol da situación educativa en Galicia, Calviño sinala que “en xeral, a problemática en Galicia é semellante á do resto do Estado. Non se lle dá á educación a importancia que ten, e o enfoque que se lle concede é fundamentalmente económico, considerándoa un expendedor de títulos”. Precisamente esta perspectiva revélase noutro dos debates recorrentes desta semana, a reforma universitaria do Plan Boloña, tamén de ampla actualidade. “É un exemplo diso. Desde diferentes estratos políticos, mesmo desde o goberno, dásenos unha mensaxe equivocada, sinalando que os que están en contra de Boloña non coñecen o Plan. Xa onte Liria afirmou que é exactamente o contario: Boloña é un interese económico moi particular”.

O camiño á actualidade
Á hora de tratar a actualidade do sistema educativo galego, na Semana prestóuselle atención ao percorrido histórico do noso sistema educativo. O profesor de Teoría e Historia da Educación na Universidade da Coruña, Narciso de Gabriel, abordou esta cuestión. A súa análise permite contextualizar a situación actual de debate, especialmente no campo da lingua, “un debate artificial” ao seu ver, e mais na educación á cidade. “Na miña opinión as resistencias que se observan en determinados sectores explícanse co enorme peso que tivo a escola católica na educación e que se resiste a perder”.



A visión global
Domingos Antón García Fernández, profesor de Filosofía, centrou a súa intervención na problemática do ensino desta materia na educación actual. Cunha visión global sobre a problemática educativa, García lémbranos a importancia crecente dos Medios de Comunicación e o papel crucial da familia na formación da persoa, así coma a importancia dos factores económicos na configuración social. A un nivel máis concreto, sinala que “debemos ter en conta que nos niveis básico e medio a formación que hai que dar é xeralista, non de especialista”, e apunta que “cómpre favorecer o que chamamos cultura popular fronte á cultura de masas”, apostando por un papel activo na formación



Obviamente, o tema educativo en Galicia non se esgota, nin moito menos, nestas cuestións, e os debates continúan abertos. Cuestións coma as pegadas das filosofía grega ou do marxismo na educación, a problemática da atención á diversidade ou o papel do sistema educativos nas culturas minorizadas trátanse ao longo de toda a semana en Pontevedra. Os interesados aínda están a tempo de se achegar.