Pensar a educación, Galiza: perspectivas educativas e Olladas á Educación son os tres apartados nos que se vai estruturar a XXVI Semana Galega de Filosofía baixo o lema Filosofía e Educación. O encontro, que se celebrará entre o 13 e o 17 de abril en Pontevedra, centrará as súas análises sobre os problemas educativos. "Cal é o sentido de educar, cales son as metas da aprendizaxe, ou como se deciden as ideas e valores que se están transmitindo ás novas xeracións", explica a Aula Castelao, organizadora do evento. Entre os relatores atopamos nomes coma Carlos García Gual, Marina Subirats, Goretti Sanmartín, Marcial Gondar ou Pedro García Olivo entre moitos outros.



