A Deputación da Coruña anuncia a rehabilitación do dolmen de Dombate

O futuro dos megalitos

A Deputación da Coruña asegura que nos vindeiros días remitirá ó concello de Cabana o plan especial que vén de elaborar sobre o dolmen de Dombate. Con esta actuación, esta entidade pretende rematar con trece anos de obras e proxectos sobre este monumento, unha situación que xa motivara abondosas queixas desde institucións culturais e colectivos veciñais. Mentres, chégannos novas doutro dolmen, o Forno de Mouros de Toques (Melide) do que onte recollíamos o seu estado de abandono.

Rehabilitación de Dombate


A Deputación da Coruña remitirá nos próximos días o plan especial de traballos sobre o dolmen de Dombate ó Concello de Cabana para pór fin a trece anos de traballos de rehabilitación e reatrasos na recuperación deste monumento. A Deputacíon pretende, segundo recolle hoxe o xornal "La Opinión", asianr un convenio coa Deputación e a Escola de Enxeñería de Camiños da Coruña para deseñar unha cúpula que protexa o megalito. Tamén está prevista a realización dunha nova xeira de excavacións arqueolóxicas da zona. Neste proxecto tamén se contempla a substitución dalgunha das laxes que sosteñen o dolmen por unha estructura de aceiro, logo de que desaparecesen algúns elementos da estructura. Ata o de agora rematouse o peche perimetral da zona. Nos últimos anos, o monumento atópase cuberto por unha serie de plásticos e a súa entrada está tapiada por unha estructura de madeira, para evitar que se deteriore o interior.
Esta situación foi denunciada por diferentes agrupación culturais e centros educativos da zona, que mesmo puxeron un manifesto na web Finisterrae.com reclamando a rehabilitación do monumento.












Forno de Mouros


A Consellería de Cultura vén de anunciar que incluirá o dolmen Forno de Mouros, de Toques, dentro do futuro Parque Arqueolóxico do Megalitismo. A consellería sinala que o feito de estar o dolmen nunha finca privada motivou a situación de abandono na que se atopaba estes anos e que jfoi denunciada recentemente polo grupo socialista deste concello. Ademais, descargou no Concello a responsabilidade de coidar os monumentos que existen no seu territorio. Cultura terá listo a finais deste ano un estudio que pretende servir como guía para protexer este tipo de monumentos, no que se inclúen alternativas á construcción de cúpulas protectoras.