A literatura infantil do país coloca tres libros no White Ravens 2009

A exposición e o catálogo veranse a semana que ven na feira do Libro Infantil de Boloña

Os libros A cabeza da Medusa (Eds. Xerais) de Marilar Aleixandre, Fume (OQO Editora) de Antóm Fortes e Joanna Concejo e máis O prodixio dos zapatos de cristal (Galaxia) de Xosé Antonio Neira Cruz e ilustrado por Rodrigo Chao son as publicacións en galego seleccionadas para o prestixioso catálogo. Dende 1996 a Internationale Jugend Bibliothek de München selecciona, de entre os milleiros de libros publicados cada ano, 250 libros infantís e xuvenís en 32 idiomas e de 47 países para organizar a exposición The White Ravens que cada ano se inaugura na Feira do Libro Infantil de Bologna que se celebra na cidade italiana do 23 ao 26 de marzo. Esta exposición acompáñase coa edición dun catálogo, en lingua inglesa, que contén as información bibliográficas dos libros seleccionados. Na lista deste ano tamén aparece un libro en castelán ilustrado por Xan López Domínguez.