A música folk é a máis programada en Galicia segundo un estudio da SGAE

Folk por todas partes

A música folk supera ó pop e o rock en número de recitais no noso país, segundo sinalan os datos da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE). Esta situación, que sitúa ó folk coma o estilo musical moderno máis escoitado en directo, só se dá en Galicia e en Andalucía, dominando o pop-rock no panorama musical do resto do estado. Neste estudio inclúense tamén datos sobre os hábitos de consumo cultural dos galegos, que se sitúan por baixo da media do Estado.

Folk con forza


O Anuario das Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais da SGAE do ano 2000 sinala que o número de recitais de folk en Galicia superou ós de pop-rock en máis de sete puntos. A importancia crecente de festivais coma os de Ortigueira, Moaña, Lalín ou Zas, entre moitos outros que enchen de folk o verán, permite a este estilo musical situarse como o máis escoitado en directo.
O informe da SGAE afirma tatmén que as cifras de vendas tamén están dominadas polo folk, xénero ó que pertencen o 31,3% dos discos vendidos, seguido polo pop-rock cun 23,6% e polos cantautores cun 11,1%.
Fronte ó dominio do pop-rock que se dá en todo o Estado, Galicia e Andalucía son as únicas comunidades nas que este xénero é desbancado polos respectivos folclores.












Anos de traballo



Segundo os responsables de diferentes discográficas dedicadas a este tipo de música, o crecemento deste xénero deuse a partir do éxito do disco "A irmandade das estrelas" de Carlos Núñez. Ata entón era moi difícil que un disco deste xénero superase a cifra de vinte mil copias vendidas, metnres que hoxe en día son moitos os grupos e solistas que superan os cen mil discos.
Así, nos últimos anos puido verse o lanzamento de novas figuras da música folk que en moitos casos levaban anos de traballo. Neste mesmo sentido tamén se están a incrementar os festivais e concertos que cada verán se dedican a este campo.




Outros datos de consumo cultural


O "Informe SGAE sobre hábitos de consumo cultural" revela que o número de discos por fogar sitúase nunha mdia de 88,2 fronte ós 106,8 habituais no resto do Estado. O número de discos vendidos sitúa o noso país no noveno posto das comunidades españolas, cun consumo que supón o 3% do estatal.
A mesma sociedade sinala que un total de 1,4 millóns de persoas asistiron a concertos de música moderna, o que supuxo un incremento de duascentas mil persoas con respecto ó pasado ano, aínda que a recadación obtida diminuíu dos 624 ós 544 millóns de pesetas nos últimos doce meses.