Galicia ao vivo

A boa situación do directo en Galicia pode verse truncada pola crise

O Festival Summercase non se celebrará este ano por mor da crise. Canda a este, outras citas da música en directo do panorama estatal están a caer do calendario. De xeito paralelo, hai apenas dúas semanas, un encontro en Pontevedra analizaba as posibilidades dos festivais a nivel da promoción económica local. Nun momento no que os concertos reforzan o seu peso na industria musical, analizamos a situación do directo en Galicia.

O directo salvará a música. Este é o retrouso que nos últimos tempos se está a repetir ante a crise da venda de música gravada. Nos últimos anos, os datos revelan un incremento no número de asistentes a este tipo de eventos e, no noso país, unha multiplicación de festivais, salas e actuacións en xeral.

A mellora
Break Point é unha empresa que comezou hai catorce anos organizando viaxes a grandes eventos en directo desde o noso país. Na actualidade mantén esta actividade e ampliou o seu negocio cara á reserva de entradas. Segundo asegura o seu responsable, Francisco Cora, “ampliouse bastante a oferta de concertos nos últimos anos. En todas as cidades hai salas, e cada fin de semana hai catro ou cinco concertos de gama media e vese algunha cousa máis”, recoñece. No entanto apunta que detrás desta multiplicación hai o traballo dunha serie de persoas afeccionadas á música. “Seguimos un pouco os mesmos promotores e salas a arrimar o ombreiro e mover o panorama, pero hai propostas interesantes coma a Rede de Música ao Vivo”. De xeito semellante, tamén Lucila Campos, da promotora Idea Sons, apunta que “nos últimos dez anos houbo unha mellora, quizas sobre todo na calidade de como se desenvolven estas producións”.

As eivas
Canda a esa calidade, a maior oferta de actuacións deu nun incremento do público pero, ao tempo, tamén provocou nunha maior dispersión do mesmo. “Ao aumentar o número de opcións a xente repártese máis. Iso tamén dá en que bandas internacionais non consiguen os resultados que deberan, o que inflúe en que logo os promotores non traian máis. En xeral aumentou o público pero tamén a oferta”, explica Cora. Como eiva, destaca que “a nivel de eventos internacionais segue a haber demasiadas xiras que non pasan por Galicia. Os promotores consideran que o risco é elevado. Cumpriría máis apoio, non só público, senón implicación privada, no sentido de patrocinios”, explica. No panorama, para Cora, “quizais falta algún festival como o que se fixera no último Xacobeo. Hai máis oferta pero falta algo máis internacional, no estilo de Benicássim ou o Festimad, aínda que están iniciativas coma o Alternavigo ou o Festival do Norte. Tamén é verdade que os tempos non dan para moito máis”. Pola súa banda, Lucila Campos apunta que “en moitos festivais falta un criterio minimamente profesional na organización”. Ao tempo, destaca que “aínda que hai moitas iniciativas, poucas teñen continuidade. Algunhas duran un ano e outras dous, pero hai poucas de longo percorrido, e esas son os que se fan citas de referencia a nivel estatal ou internacional”.

Os músicos
Alén da importancia económica deste sector para a industria, está claro que para os grupos o directo reviste unha especial importancia. “Tal e como está a venda de música, o directo é unha saída importante. Os grupos teñen que se dar a coñecer e ensaiar. Aínda nos falta un grupo galego que teña relevancia internacional fóra do folk. Fáltanos unha banda galega de rock, quizais os grupos que están saíndo agora teñan algo que dicir”, lembra Cora. Coinciden con el desde Idea Sons, onde apuntan que “dada a situación da venda de discos, o directo é fundamental”.

A crise
Ante a actual crise, o responsable de Breakpoint considera que a nivel estatal “terá que se adaptar a situación. Agora mesmo hai cousas de máis e as entradas están moi caras. Hai festivais con prezos de 75 euros, con aforos de 30.000 ou 40.000 persoas. Falamos dun rendimentos brutos superiores aos dous e aos tres millóns de euros, pero penso que o mercado vai mudar”. Lucila Campos, pola súa banda, apunta a que “a crise vaise notar nos orzamentos que se dedican a estas iniciativas”.

Os veciños
Cora explícanos o caso portugués, un mercado no que Breakpoint vende entradas na práctica totalidade de grandes eventos. “Teñen unha cultura máis de eventos. Hai bandas novas que sacan un primeiro disco e esgotan as entradas, a xente ten interese por descubrir os grupos en directo. Hai bandas que alí esgotan en coliseos de 3.000 persoas e aquí entran 500. Galicia é un sitio complicado a nivel de asistencia”, conclúe.