Altofalantes para os rezos

O descoñecemento caracteriza a situación dos órganos en Galicia

A pasada semana presentábase publicamente o primeiro proxecto destinado a catalogar os órganos antigos que existen no noso país. Por primeira vez, estes bens son obxecto dunha actuación sistemática neste sentido, xa que ata o de agora estiveran completamente abandonados. Andrés Díaz, que fai parte do equipo de catalogación, explícanos polo miúdo o estado no que se atopan estes complexos aparellos, que no seu día eran considerados un xeito especialmente axeitado para falar con Deus.


Audio:

Toccata do Girolamo Frescobaldi (S. XVII)


Españoleta de Francisco de Tejada (S. XVII)


Interpretadas por Martina Schobersberger no órgano histórico da ex-Colexiata de Iria Flavia dentro do festival Espazos Sonoros 08
Fonte: Andrés Díaz




“A estas alturas do século XXI nin sequera existía unha lista dos órganos que hai en Galicia. Se non sabemos o que hai, é difícil tomar conciencia del. Nós levamos feito unha lista e atopamos arredor de oitenta ou oitenta un órganos históricos”, explica Andrés Díaz, un dos responsables do proxecto de catalogación destes vesn que presentaba a Consellaría da Cultura o pasado doce de febreiro. “Comparando cos traballos de catalogación que se fixeron noutras partes de España, levamos un atraso de arredor de trinta anos. Non é sinxelo saber por qué, tamén pasou con outros elementos do patrimonio, mesmo máis específicos coma os cruceiros ou os hórreos”.

Órganos agochados
É certo, no entanto, que Galicia non conta cunha tradición neste campo tan arraigada coma en Castela, onde é habitual que mesmo igrexas parroquiais conten con instrumentos deste tipo. “Aquí eses casos son puntuais, pero en mosteiros, catedrais ou colexiatas si que adoitaban ter. A música era parte esencial da liturxia e o órgano era o máis completo que tiñan, e só precisaba un músico e alguén para lle dar ao fol”. As primeiras pescudas apuntan a existencia de, aproximadamente, oitenta destes instrumentos espallados por todo o país, aínda que non se descarta en absoluto que poidan aparecer máis. “O principal xeito de o saber é ir aos lugares, a bibliografía non é moi de fiar. O que acontece é que visitar todas as igrexas do país é bastante laborioso”. A pouca atención que espertaron estes instrumentos chega a extremos verdadeiramente curiosos. “Nun inventario eclesiástico da provincia de Lugo durante os anos oitenta, nin sequera se mencionan os órganos da catedral de Mondoñedo, e iso que case che comen cando entras. En troques, hai descrición de capelas e das tallas máis pequenas”, completa Díaz.

A complexidade do órgano
Quizais un dos problemas que están relacionados co abandono deste patrimonio é a complexidade do seu estudo. “As recomendacións de traballo con órganos especifican que cómpre un equipo multidisciplinar. A caixa é de madeira cousa dos restauradores, máis ou menos esixe o traballo que se faría nun retablo. Hai que ver o seu estado, a policromía, a estrutura, posibles ataques... Despois cómpre contar cun organeiro, que en Galicia non hai ningún, que se encargará de analizar o instrumento. Os órganos dentro teñen moitos mecanismos. Ademais dos tubos está o sistema de insuflar o aire. Tamén cómpre un equipo de fotografía e de documentación”, explica Díaz. A complexidade do proceso dá tamén nun elevado prezo de recuperación, “É difícil saber se un órgano e histórico sen se meter nel e o analizar máis polo miúdo. Pode acontecer que a caixa sexa histórica e os tubos novos. Restauralo pode ser dez veces máis caro do que un retablo. O custo de todo este proxecto de investigación pode equivaler a só un proxecto de restauración”. No núcleo do actual proxecto de recuperación atopamos, canda ao propio Andrés Díaz (doutorado en físicas, profesor de música e intérprete de música antiga) a Belén Bermejo López (doutora en Dereito cunha tese sobre Patrimonio Cultural) e mais Marisol Mendive (profesora de órgano do Conservatorio de Ourense).

Emprego e conservación
O emprego destes instrumentos coma parte da liturxia aínda hoxe non sempre é unha axuda para a súa conservación. En non poucas ocasións se teñen feito remodelacións que provocaron danos importantes en órganos históricos. “Hai organeiros afeccionados que teñen feito auténticas desfeitas. Sen coñecer os conceptos máis básicos sobre o patrimonio, tentan modernizar os instrumentos, per non ten sentido tentar facer dun instrumento histórico outro moderno”, explica Díaz. Para alén, non en todos os lugares se mantivo o costume de tocalos, e abondan os casos nos que o instrumento está degradado. “Moito non se empregan. Hai unha tradición musical perdida”, lembra. O equipo de investigación comprobou, por exemplo, que dunha lista de órganos que existían na provincia de Ourense a comezo dos oitenta, un dos instrumentos xa fora completamente destruído.

Historia a través da música
Canda aos instrumentos en si, existe tamén, nos arquivos catedralicios e monásticas, todo un mundo de documentación vencellado a estes trebellos musicais. “Nós imos facer só unha primeira achega, porque a este nivel unha catedral pode dar soa para toda unha tese. Agardamos que este estudo abra campos de investigación e nos permita coñecer a nosa propia historia. Por exemplo, aínda non se sabe ben se os organistas viñan todos de fóra ou se había tamén xente de aquí”. E é que para este investigador, “a música relixiosa era a única que había canda á popular. Non había moita ocasión para escoitar música, e seguro que os órganos foron responsables de moitas vocacións musicais. Por exemplo, o párroco de Vilanova de Lourenzá lembraba como cando el era pequeno viñan dous organistas e facían auténticos duelos, que é unha tradición que ten máis de catrocentos anos”.


Todo un camiño musical pendente que comeza agora por primeira vez. Para os interesados en se ir achegando a estes instrumentos, o equipo xa puxo na rede un mapa coa localización dos órganos dos que teñen constancia.

Órganos galegos

Órganos galegos

Órgano da Igrexa da Regoa, Monforte de Lemos

Órgano da Igrexa da Regoa, Monforte de Lemos

Fonte: Andrés Díaz

Órgano da Igrexa de San Francisco de Viveiro

Órgano da Igrexa de San Francisco de Viveiro

Fonte: Andrés Díaz

Órgano da Igrexa de San Francisco de Viveiro

Órgano da Igrexa de San Francisco de Viveiro

Fonte: Andrés Díaz

Caixa do órgano de Santo Estevo de Ribas de Sil, Ourense

Caixa do órgano de Santo Estevo de Ribas de Sil, Ourense

Fonte: Andrés Díaz

Colexiata de Xunqueira de Ambía, Ourense

Colexiata de Xunqueira de Ambía, Ourense

Fonte: Andrés Díaz

Interior do órgano de Iria Flavia

Interior do órgano de Iria Flavia

Parte do mecanismo de transmisión -redución- do teclado. Fonte: Andrés Díaz