Un barómetro permitirá coñecer os datos de lectura no país

A promoción do libro contará con 9,6 millóns de euros en 2009

A Consellaría de Cultura investirá en 2009 9,6 millóns de euros na promoción do libro e da lectura. Desta partida, cinco millóns e medio dedicaranse ás bibliotecas, dos que 3,6 serán para adquirir novos fondos. Un millón e medio máis servirá para promover a edición de libro en galego e outro tanto irá en campañas a prol da lectura. Ademais, a xuntanza que mantivo, na tarde de onte, o Consello Asesor do Libro en Compostela deu no anuncio da vindeira creación dun barómetro da lectura galego. O proxecto pretende recoller datos sobre o comercio interior do libro para coñecer polo miúdo a situación do sector. Os resultados deste estudo publicaranse nun anuario que recollerá os principais fitos da edición en Galicia.