Nace o Consello Asesor do Libro para aconsellar a Consellaría de Cultura nesta materia

A propósito do libro

“É un órgano de asesoramento nas materias relacionadas co libro e coa lectura” afirmou Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, no momento de anunciar a constitución do Consello Asesor do Libro. Unha figura que está contemplada na Lei do Libro e da Lectura e que contará con catro grupos de traballo sectoriais. Ánxela Bugallo aproveitou para anunciar que o seu departamento destinará 9 millóns de euros para a campaña de promoción da lectura e fomento da edición en galego. Canda isto, a conselleira de Cultura e o director xeral de creación e difusión cultural, Luis Bará, presentaron o portal Prazadasletras.org, con información relativa ao mundo literario.

O consello constituído esta mañá ten carácter asesor en materia do libro e da lectura, polo tanto as súas decisións non son vinculantes. Está integrado por quince membros: sete da administración (tres da Consellaría de Cultura, un de Educación, outro de Industria, un da Federación Galega de Municipios e Provincias mais un representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística) e oito dos sectores profesionais relacionados co libro (escritores, tradutores, editores, artes gráficas, ilustradores, distribuidores, libreiros e bibliotecarios). A presidencia correspóndelle á consellaría de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e a vicepresidencia ao director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará.

En canto ao seu funcionamento, as reunións serán anuais, pero contarán cunha comisión permanente que se reunirá de xeito periódico, ademais catro grupos de traballo. Os seus integrantes acordaron o calendario e as liñas de actuación para os vindeiros meses. Un traballo que terá que avaliar os resultados de todas as accións da nova campaña de fomento da lectura e a edición en galego que avanzou esta mañá a conselleira Ánxela Bugallo. En total, o seu departamento destinará nove millóns de euros (un 26% máis que en 2007) repartidos en varias actuacións, entre eles bibliotecas (4.3 millóns) e accións comunicativas (1.3 millóns).

O portal da literatura
Primeiro foi unha publicación en papel con versión electrónica. Pero agora, o Praza das Letras é moito máis ca iso. Trátase, en palabras do director xeral de creación e difusión cultural, “do gran portal da literatura que actuará na promoción do libro e da lectura de Galicia”

Un portal que se estrutura en catro bloques: actualidade, documentación, informes e accións en profundidade. A versión web da publicación conta con dous catálogos: un de autores en lingua galega e outro de reseñas bibliográficas completas. “É o portal para Galicia, para que as galegas e galegos poidan coñecer de primeira man a actualidade literaria; e un portal complementario coas marcas Letras de Galicia que está pensado para un público estranxeiro e buscan máis a internacionalización” asegurou Luis Bará.