Cultura presenta a programación Galiza 2009, tempo de BD

A proposta inclúe a presenza en Angoulême ou a creación dunha bedeteca en Compostela

Galiza 2009, tempo de BD é o epígrafe co que a Consellaría de Cultura presentaba esta mañá as súas propostas no campo da banda deseñada para este ano. A presenza no Salón de Angoulême a partir do 29 de febreiro abre as actividades no campo, coa exposición Dez anos de Banda Deseñada Galega na oficina de turismo desta cidade. Ademais, unha recepción no Concello, un espazo de contactos no recinto do festival e diferentes entrevistas con profesionais do sector comporán a presenza galega no evento. A proposta continuará en febreiro coa celebración dunha semana monográfica centada na BD no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Autores galegos coma David Rubín, Fran Bueno ou Jacobo Fernández compartirán charlas con figuras coma Max, Pasqual Ferry ou Miguel Rocha, que explicarán os seus procesos creativos en cadansúa clase maxistral. Ao tempo, a exposición Personalidades múltiples reflexionará sobre a relación entre ilustración e banda deseñada a través dos autores.

A maiores, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e mais a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, anunciaron a posta en marcha, o vindeiro mes de marzo, da Bedeteca de Santiago de Compostela na Biblioteca Ánxel Casal. A nova proposta aproveitará os amplos fondos de novena arte xa existentes no centro e desenvolverá actividades promoción e difusión coma encontros profesionais, obradoiros, exposicións ou actividades didácticas.

A seguir coas bibliotecas, Bugallo anunciou o investimento de 793.000 euros para adquisición de obras de banda deseñada en bibliotecas municipais de todo o país, que complementarán os orzamentos xa previstos con este fin nas bibliotecas nodais. Pola banda das librarías, no segundo semestre do ano agárdase desenvolver unha campaña para favorecer a visibilidade da banda deseñada e que se dirixirá tanto a librarías xeralistas coma especializadas con medidas específicas.

O vindeiro mes de abril prevese a convocatoria das anunciadas tres bolsas de creación de BD, dotadas con 6.000 euros cada unha, e para maio está prevista a presenza de Galicia coma convidada no Saló del Còmic de Barcelona. Tres exposicións, un posto promocional e outro de venda, canda a diversas actividades achegarán a actualidade do noso cómic ao principal evento do país.