Santiago acollerá as propostas máis innovadoras do novo circo europeo

O ciclo terá lugar no Salón Teatro do 5 ao 20 de febreiro

22/1/2009 | Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculo
Compartir:

“O camiño a seguir pasa pola fusión das diferentes artes escénicas” anunciaba Cristina Domínguez, directora do Centro Dramático Galego na presentación do ciclo Circo en escena. Un programa que amosa o interese do CDG por achegar a Galicia diferentes propostas do novo circo contemporáneo. Fusión de circo con flamenco (Malgama, proposta da compañía andaluza Varuma), co mastro chinés (Contigo dos portugueses asentados en Francia) ou coas danzas acrobáticas (os franceses Ieto) fan parte deste ciclo que terá lugar no Salón Teatro do 5 ao 20 de febreiro. Un programa no que se estreará As vingadoras a montaxe de presentación da compañía galega Maquinaria Pesada.

O ciclo Circo en escena non é unha proposta illada dentro da programación do Centro Dramático Galego para o Salón Teatro (o espazo que xestiona). A compañía pública leva un ano de traballo tentando facer parte da Rede de Novos Talentos de Circo-Europa, un prestixioso circuíto arredor das novas fórmulas circo, moito máis innovadoras e arriscadas. Trala incorporación a esta rede, que implica o apoio a creación de espectáculos que se concreta no acollemento de residencias de artistas, haberá numerosas actividades. Non será ata o 2010 cando se desenvolvan residencias en Galicia, así como outra serie de actividades nas que está a traballar desde o CDG. En todo caso, este ciclo é unha mostra das propostas máis innovadoras e arriscadas do novo circo europeo, así como un avance das liñas desde as que se está a traballar desde a compañía pública.

Que che parece esta nova?
29 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

12/02/2009

Quiosco: e_scena

O participación do CDG nunha rede de circo protagoniza o último número do e_scena

27/01/2009

A hora do circo

Un ciclo exhibe as relacións do circo con outras artes escénicas

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Teatro, Salón Teatro, Cristina Domínguez, Centro Dramático Galego...