Publicado un relato infantil inédito de Antón Avilés de Taramancos descuberto nun baul

O relato escribiuse durante a etapa coruñesa do poeta noiés e foi un agasallo á súa anfitrioa

A corporación noiesa ven de publicar o relato infantil O cabalo de vidro, un relato inédito de Antón Avilés de Taramancos. Segundo o xornal Galicia Hoxe a investigadora Aurora Marco, que publicou unha biografía do poeta noiés co gallo da dedicación do Día das Letras Galegas no 2003, tivo noticia da existencia deste inédito durante a súa recompilación de documentación ao ser atopado no fondo dun baúl. O libro foi finalmente publicado pola concellaría de Educación de Noia coa colaboración das consellarías de Educación e Presidencia e o texto orixinal vese enriquecido coas ilustracións do pintor José Luis Veira Manteiga e cun estudo da propia Aurora Marco. Segundo a investigadora o relato foi escrito durante a década do 50 durante a estancia de Antón Avilés na Coruña e foi agasallado a Pachola Rilo en agradecemento por acoller na súa casa ao poeta naquel tempo.