ADEGA premia a Cooperativa Raíña Lupa e a un veciño do Courel pola súa actitude ambiental

Os ecoloxistas castigan o papel das compañías eléctricas e do Presidente de Augas de Galicia

Cada ano a asociación ecoloxista ADEGA entrega os seus premios Osíxeno e Dioxina, que valoran actuacións medio ambientais positivas e negativas ao longo en ano en curso. Hoxe á mañá os ecoloxistas presentaron os premiados do 2008.

Nos galardóns Osíxeno, que valoran a mellor actitude ambiental, o premio colectivo foi para a Cooperativa de cultivo ecolóxico Raíña Lupa de Quilmas (Carnota) "ola súa valentía na loita contra o Plano Acuícola, a súa imaxinación e o seu esforzo para botar a andar un proxecto sustentábel nos terreos que ocuparía o cemento e as lonas negras de Stolt". O premio individual foi para Xan de Vilar, un veciño da aldea de Vilar do Courel, "pola súa teimuda defensa do patrimonio natural e etnográfico do Courel, un compromiso persoal de toda unha vida concretado no seu museo etnográfico (casa do Ferreiro) na restauración e conservación da Ermida de San Roque, na recuperación da historia e tradicións caurelás...".

Os premios Dioxinal que valoran a actitude máis agresiva, foi para as tres empresas eléctricas con intereses en Galicia (Endesa, Fenosa e Iberdrola), "pola súa falta de sensibilidade ambiental" e para Jorge Santiso, Presidente de Augas de Galicia e Secretario Xeral da Consellaría de Medio Ambiente, "pola súa inoperancia e desleixo diante das continuas agresións que sufren os nosos ríos".