Caruncho protagoniza a III Feira Puro Arte que anuncia a creación dunha colección propia

Os gañadores do seu certame internacional exhibirán no encontro as súas propostas

Quixo a casualidade que o mesmo día que Luís Caruncho cumpre 80 anos (15 de xaneiro), abre as súas portas en Vigo a III edición da Feira Puro Arte. Unha coincidencia que os organizadores da feira non quixeron deixar pasar. Aproveitando a homenaxe que lle ía facer a galería coruñesa Atlántica, a homenaxe abre a terceira edición dun encontro que presenta importantes novidades: a creación dunha colección propia, a posta en marcha dun comité de selección e a primeira edición do certame “Project Rooms”.

Marta Scarpellini, directora do encontro explica que “nós levamos vinte anos traballando neste sector e, como resultado natural deste traballo, consideramos que a feira debería ter unha colección por dúas razóns: por amor a arte, porque nos apaixoa a arte e, para fomentar o comercio”. O resultado é que nesta terceira edición, o encontro comezará a almacenar a súa colección propia. Canda esta novidade está o feito de que no listado final de galerías que acoden ao Instituto Feiral de Vigo non están todas as que se presentaron. Un comité de selección “formado por tres persoas cualificadísimas no mundo da arte”, segundo a directora, fixeron unha escolma dos proxectos a presentar.

O certame
Ademais dos cambios na organización do encontro, este ano inaugúrase o Concurso Internacional Puro Arte que pretende premiar a creatividade artística e o labor de dez artistas. Sen embargo, a multitude de proxectos fixo que ao final fosen 16 os artistas que están presentes na feira. “O premio, explica Marta Scarpellini, era cederlles gratuitamente aos creadores un espazo para que puideran presentar os seus proxectos”.